Carmen Velayos, profesora de Filosofía Moral e Política

"Ningunha mensaxe para salvar o clima vai gañar eleccións"

[Imaxe: Consello da Cultura] Carmen Velayos, a pasada quinta feira en Compostela.
Carmen Velayos (Ávila, 1967) é profesora titular de Filosofía Moral e Política na Universidade de Salamanca. Autora, entre outros, dos ensaios Ética e cambio climático (2008); O cambio climático e os límites do individualismo (2015) e Rachel Carson: a revolución entrañábel, que se publicará proximamente. A pasada quinta feira falou en Compostela convidada polo Consello da Cultura Galega.

Que lle parece que mozas e mozos de medio mundo fixesen folga polo clima?
É natural. Faltaba a chama e por fin prendeu. Verá, levo quince anos vendo como o viven e como viven as nosas e os nosos adolescentes. O pensamento verde, que antes era algo excepcional, agora fai parte das súas vidas. Temos un sistema social que produce mozas e mozos mellor preparados que nunca, pero no que ao mesmo tempo é moi difícil topar traballo. Hai unha competencia feroz que empeza nas aulas, e unhas condicións inhospitalarias fóra das aulas se temos en conta o nivel de desenvolvemento que se alcanzou. O que peor levan é que ese desenvolvemento non os fai felices, son unhas xeracións que non saben que vai pasar coas súas vidas, mesmo se van poder ter descendencia. Están ben informados, son ecoloxistas, consomen menos carne, menos plásticos… Non se senten culpábeis do quecemento global. Era natural que pasase,

O quecemento global é un problema que esixe unha resposta global. Pero a humanidade nunca soubo reaccionar contra a fame, por exemplo. Que facemos con isto?
É certo, non existen as ferramentas. Non dispomos de institucións para enfrontar un problema das dimensións do quecemento global. Nin leis internacionais vinculantes. Hainas, pero fican apenas no plano teórico. Eu traballo nun universidade na que durante o Renacemento se trataba do dereito de xentes. A ONU podía ter sido esa institución, pero o que acorda non é vinculante. Son pesimista… Creo que temos que correr moito e darnos moi a présa en construír esa ferramenta planetaria. Quizais a loita para salvar a capa de ozono, polos resultados, foi un primeiro paso. Pero temos que ir máis rápido na procura desa institución mundial que xestione os bens comúns.

A mocidade que se rebela interpela directamente os Gobernos. Pode que deixaramos demasiadas cousas importantes en mans dos políticos?
O problema coa política é como é a política. Viven no curto prazo. Ningunha mensaxe para salvar o clima vai gañar eleccións. É impopular. Deprime. A política non toma riscos. Ten a súa propia lóxica, moi suxeita ás normas e os tempos que marcan as eleccións. Igual a moita xente lle parece unha parvada, pero eu creo que se deixaramos a un grupo de cidadáns ben informados debater durante uns días, darían coas solucións que precisamos.

A política non toma riscos

Vostede fala de equidade e responsabilidade interxeracional…
Iso é a sustentabilidade. Temos a responsabilidade de deixar ás xeracións vindeiras un mundo no que se poida vivir. Todas e todos. É fácil de dicir, pero as políticas que se intentaron neste sentido non cumpriron os seus obxectivos. Para que serven os obxectivos? Mire, a realidade é que empezamos a ver escaseza de fosfatos e fósforos, vitais para os solos; superouse o pico do carbón e o do petróleo, tamén o do uranio…

Pero cre que todos estes sinais de alarma, nunhas sociedades nas que preocupa tan pouco a solidariedade global como a equidade, conseguiran mudar a nosa maneira de pensar?
Non hai unha cuestión, por moi importante que sexa e consiga situarse no centro do espazo público, que por si mesma mude a forma de pensar. A mobilización da mocidade será un revulsivo, pero non vai producir un cambio antropolóxico. Mais invítanos a pensar sobre un individuo que non se pode afastar de todo o demais, porque somos interdependentes e ecodependentes. Temos que empezar a pensar fóra do paradigma antropolóxico actual centrado nun individuo que non depende da nai nin da terra nin dos demais. 

Que achega a filosofía á loita contra o quecemento global?
Nos anos setenta a filosofía empezou a cambiar esa imaxe dualista: o home dun lado, a natureza do outro. Empezamos a pensarnos como parte da natureza. Desde o campo da ética achégase a teoría da xustiza sobre tránsito cara unha sociedade que necesariamente consumira menos, menos enerxía, por exemplo. Esa teoría dinos que os que sufriron máis as consecuencias non deben seguir sendo os que máis sufran. Son modelos de xustiza sobre os que elaborar o reparto de cotas de emisións ou decidir se poñemos o contador a cero, como pretende Estados Unidos, ou decidimos que o pasado se teña en conta. A teoría da xustiza ten moito que dicir sobre como abordamos a transición ecolóxica.

Disque os informes do panel internacional de expertos reflicten un prognóstico conservador, que os acontecementos van máis rápido.

Cando alguén apunta: ‘coidado, é a carne!’, ou ‘coidado, son os coches!’, aparecen actitudes irracionais por todas partes. Por que nos molesta tanto?
É o que os psicólogos cognitivos chaman nesgos da racionalidade. Como a inercia cognitiva ou como o pensamento desiderativo. Eliximos o que nos gusta e desbotamos o que non nos gusta. E reaccionamos con agresividade porque non nos gusta o que digan de nós que somos uns irresponsábeis. Mais son optimista porque temos imaxinación e podemos descubrir cousas tan suculentas como a carne ou máis que o turismo de avión en avión. 

Que dato sobre o avance do quecemento global asustouna máis ultimamente?
Dos últimos? Case todos. Disque os informes do panel internacional de expertos reflicten un prognóstico conservador, que os acontecementos van máis rápido. Tamén, que a concentración de dióxido de carbono está en niveis récord desde abril. Hai pouco, escoitei a unha oceanógrafa chilena manter que os efectos sobre o mar son irreversíbeis e que o aumento do nivel das augas é inevitábel. E sabe que nos últimos cincuenta anos desapareceron do planeta millóns e millóns de paxaros?

Na súa opinión, en que punto estamos?
Nun punto crítico da historia da humanidade que por primeira vez está diante da cuestión de si ten ou non un futuro. Non valen máis falacias nin máis pretextos. Hai novas formas de loita: están as mozas e os mozos, está Internet, a xente ten que saber. Queda pouco tempo e debemos empezar a cooperar todas e todos na transición.