Non colocar os triángulos deixará de ser motivo de multa, pero só en autoestradas e autovías

non colocar os triángulos non será motivo de denuncia pero exclusivamente nestas vías rápidas. (Foto: Europa Press)

A DXT manterá a norma en vías convencionais

A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) eximirá do uso dos triángulos en autoestradas e autovías a partir deste sábado, 1 de xullo, en caso de inmobilización do vehículo por causa de accidente ou avaría. Con todo, o seu uso segue sendo obrigatorio cando estas circunstancias se produzan en vías convencionais, segundo informou a institución.

Neste sentido, explica que se tomou esta decisión principalmente polo "elevado número" de persoas falecidas en vías de alta capacidade (autovías e autoestradas) por atropelo, que pon de manifesto que transitar pola beiravía, permanecer na mesma, tentar reparar unha avaría ou mesmo, a colocación e posterior retirada dos triángulos de presinalización de perigo "incrementan notabelmente" o risco de atropelo.

Da mesma maneira, sinala que outro dos motivos son as condicións de circulación que se producen en autoestradas e autovías nas que hai unha alta intensidade de tráfico e de velocidade.

Deste xeito, especifica que non colocar os triángulos non será motivo de denuncia pero exclusivamente nestas vías rápidas "por comprometer gravemente a seguridade das persoas ao ter que transitar a pé pola calzada".

A DXT lembra tamén que en Reino Unido xa se eliminou o uso dos triángulos en vías rápidas e que noutros países están a estudalo.

“É un risco”

A medida xa foi avanzada a pasada terza feira polo director xeral de Tráfico, Pere Navarro. "Para este verán estamos a estudar a ver se podemos facelo xuridicamente", dixo Navarro, que explicou que se mandaría unha instrución ás policías coa medida.

Neste sentido, lembrou que en 2022 un total de 42 persoas foron vítimas de sinistros viarios por baixarse do vehículo. "Algo había que facer. Baixar e pór o triángulo a 50 metros é un risco e máis en estradas de alta velocidade, que hai moito tráfico", afirmou.

En todo caso, sinalou que esta medida afectaría só a aqueles que non contan xa co sinal V16 (dispositivo xa dispoñíbel pero que non será obrigatorio até o 1 de xaneiro de 2026) para autoestradas e autovías. "Non fai falta que baixes e vaias 50 metros atrás para colocalo", concluíu.