De non chover “nos próximos meses a situación podería complicarse moito” tras o baleirado dos encoros, advirte a Xunta

Encoro de salas o 19 de agosto. (Foto: Twitter)
O baixo nivel dalgúns encoros polo baleirado para aproveitar os altos prezos da electricidade, cando aínda faltan dous meses para o tempo con máis seca, é considerado un risco pola Xunta no caso de que non aparezan as precipitacións. 

A Xunta da Galiza fixo público o sábado que vixiará “estreitamente” a evolución dos “preocupantes” datos de encoros coma As Portas, Cenza, Salas e Belesar, que pertencen á conca hidrográfica do Miño-Sil, despois das denuncias en distintas partes da Galiza e do Estado de baleirado de encoros para aproveitar os altos prezos do mercado da electricidade. 

A decisión do Goberno chega despois de que o Executivo español abrira polo mesmo motivo un expediente informativo a Iberdrola e Naturgy, as empresas concesionarias.

Nestes encoros, o nivel “non é o agardado nin o habitual para esta época do ano”, salienta, lembrando que a situación das Portas e Cenza, que se atopan ao 15% da súa capacidade, “é aínda máis anómala xa que en ningún momento de 2020 chegaron a estar coma agora”. As Portas marcou o 55,9% de ocupación mínima, e Cenza, o 20%. 

O outono é a época na que, usualmente, hai máis seca, co cal é a finais de outubro cando os encoros acadan o seu mínimo. No caso das infraestruturas de Belesar e Salas, cun nivel actual do 30,1% e 27,3% respectivamente, os datos desvelan que en 2020 non alcanzaron esas cifras até esa data.

Por isto, a Consellaría de Medio Ambiente advirte “que un posíbel escenario de seca na Galiza durante os vindeiros meses podería agravar a situación aínda máis”, tras as comprobacións feitas polo persoal técnico da institución “nas últimas horas”.

Asemade, destaca a Xunta que pola “incomprensíbel decisión dos titulares dos aproveitamentos hidroeléctricos de baleirar estes encoros”, no caso de non chover “nos próximos meses a situación podería complicarse moito”. 

Falta de información sobre o risco de contaminación en Bande e Muíños

No encoro das Conchas, fechado ao baño pola contaminación por cianobacterias provocada pola baixada do nivel da auga, o Bloque Nacionalista Galego de Celanova-Baixa Limia denuncia que os concellos de Bande e Muíños, “están a incumprir coa súa obriga de informar suficientemente aos bañistas sobre o risco de utilizar as augas”.

Isto acontece cando hai unha alerta sanitaria pola detección de natas e espumas de cianobacterias con "alta probabilidade de efectos adversos para a saúde", segundo recollen os comunicados da Consellaría de Sanidade do 6, 13 e 20 de agosto.

Nas praias de Porto Quintela e Mugueimes, cunha “afluencia de turistas notábel esta mes”, indica o BNG, “os turistas están a facer un uso normal das augas sen que ningunha autoridade, nin Xunta nin Concello o impida, como é a súa obriga para garantir a saúde da poboación”.

Neglixencia grave

A normativa galega aclara que no nivel 3 de cianobacterias en augas de baño, teñen que "levarse a cabo accións inmediatas para evitar o contacto coas espumas e natas de cianobacterias e/ou coas súas toxinas, polo que as indicacións serán absterse do baño e realizar outras actividades que impliquen contacto coa auga do encoro", lembra o BNG comarcal, que o cualifica de "neglixencia grave".

En Muíños, non existen indicacións do feche da zona de baño nin información dos empregados municipais ás persoas que se achegan ás instalacións. Pola outra banda, en Bande, hai unha sinalización mais nun lugar con pouca visibilidade, detalla o BNG.

Perante a desidia municipal, a forza nacionalista exixe a implicación da Dirección Xeral de Saúde Pública, que se encarga de emitir as alertas, e a Consellaría de Sanidade, para que xunto cos Concellos informen axeitadamente e vixíen as zonas de baño.