Kevin González, fillo dun dos mortos do Vila de Pitanxo

Kevin González (familiar dun falecido no 'Pitanxo'): “Se non baixan ao barco é que queren agochar algo”

Kevin González, fillo dun dos mariñeiros do Vila de Pitanxo. (Foto: Nós Diario).

Kevin González é fillo dun dos mariñeiros mortos no naufraxio do Vila de Pitanxo. Membro activo do colectivo de vítimas, conversa con Nós Diario, sobre o sinistro da embarcación e o estado das investigacións xudiciais. Neste liña, reclama baixar ao pecio para contar  con mais datos do acontecido.

—Cada día que pasa coñécense datos novos sobre o acontecido no Vila de Pitanxo nos momentos anteriores e posteriores ao naufraxio, que destacaría do estado actual da investigación?

Eu creo que o máis destacábel é que a Garda Civil e a Comisión de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (CIAIM) teñen unha hipótese clara do acontecido na embarcación no momento do naufraxio. O barco embarrou, o que provocou a entrada de auga, provocando un parón no motor e que a maquina de recoller o aparello deixase de funcionar. Outro aspecto relevante é a grande cantidade de mensaxes, comunicacións e imaxes que deixaron nos dias e horas previas ao naufraxio os tripulantes do Vila de Pitanxo aos seus familiares, criticando a xestión do buque por parte do patrón e o trato recibido polos mariñeiros.

—Que datos lle chegaron dos tripulantes do Praia de Menduiña, a embarcación que rescatou aos tres mariñeiros vivos e a parte dos mortos no naufraxio?

A tripulación do Praia de Menduiña, o barco que rescatou aos mariñeiros do Vila de Pitanxo que non morreron, sinalou que Samuel, o mariñeiro que discrepou da versión do patrón e do seu sobriño, tiña medo após ser rescatado, recibindo ameazas de Padín e Rial, que o ameazaban para que se sumase a súa versión dos feitos. Curiosamente, a súa actitude contrastou coa do patrón, Juan Padín, e do seu sobriño, Eduardo Rial, que estaban absolutamente tranquilos.

Unha das cuestións que máis sorprendeu aos mariñeiros do Praia de Menduiña é que unha vez que o patrón desta embarcación lle solicitou a Juan Padín recoñecer ás vítimas que levaban nas cámaras da embarcación este non coñecía practícanmete o nome de ningún. O propio sobriño de Padín, Eduardo Rial, chegou a recoñecer a algún mariñeiro do  Praia de Menduiña que a versión do seu tío sobre as causas do naufraxio era falsa, que non parara o motor até que entrou auga no barco pero que a ía a defendela. 

—Á vista da información que manexa actualmente o colectivo de familiares das vítimas do Vila de Pitanxo, que aspectos considera de máis interese aclarar para coñecer a verdade do acontecido na embarcación?

Para min a esta altura está moi claro o sucedido no Vila de Pitanxo. Eu acredito na versión dos feitos achegada pola CIAIM, un organismo que ten a función investigar os accidentes mariños e cuxo ditame vai ter moito peso. E por suposto, doulle total credibilidade ao sinalado no xulgado por Samuel sobre o acontecido na embarcación, unha declaración que coincide no esencial coas conclusións achegadas polo CIAIM sobre o sinistro.

—Unha das reclamacións das familias ás autoridades desde o primeiro momento é baixar ao pecio, como explica a negativa do Goberno do Estado español a esta demanda?

Nós queremos que se baixe ao barco para aclarar aínda máis ao acontecido. A negativa do Goberno do Estado a baixar ao barco só se explica se tentan agochar algo, creemos que hai moitos cousas que nós están agochando e que compre aclarar. Por exemplo, sabemos que o patrón chamou a radio médica a Madrid para preguntar se podía saír ao mar cos casos de coronavirus existente na tripulación e nun principio esta díxolle que tirase adiante, mais compre saber se isto foi o certo ou é outra mentira do patrón. Na mesma liña, é necesario aclarar se o barco estaba pescando en augas ilegais, se tiña tripulantes de mais ou se se acometeron reformas sen autorización no seu interior.

O grupo Nores de Marín

O mesmo día que a casa armadora do Vila de Pitanxo, grupo Nores de Marín, presentou diante do xulgado diversa documentación co obxectivo de acreditar que os tripulantes do barco afundido tiñan traxes de supervivencia, Kevin González valora en declaracións a Nós Diario “de xeito moi negativo” a actitude da empresa. González denuncia que “sabemos que a empresa non quere pagar ás familias o que lle corresponde, isto é, as indemnizacións para estes casos estipuladas por lei e tenta resolver a cuestión con migallas”. Ao tempo, o fillo dun das vitimas do naufraxio critica “a negativa da armadora a cedernos documentación que nos pertence, como a nómina dos nosos familiares” e non dúbida en cualificar aos propietarios do buque afundido como “uns despotas e uns tiranos que pensan que metendo uns billetes na chaqueta se resolve todo”.