"Non se aceptan mascotas": só tres de cada 100 contratos de alugueiro permiten animais domésticos

A lei delega no propietario a decisión. (Foto: Nós Diario)
Na Galiza hai o dobre de mascotas que mozos e mozas menores de 18 anos.

Segundo os últimos datos do IGE, na Galiza hai 373.989 mozos e mozas menores de 18 anos, a metade das mascotas incluídas no Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía (Regiac), unhas 730.000. Isto significa que, de media, un de cada catro galegos e galegas ten animais ao seu cargo.

Porén, residir no domicilio coa mascota non é posíbel para a inmensa maioría dos miles de persoas que viven en pisos en réxime de alugueiro no país: un informe do portal inmobiliario Fotocasa e a Fundación Affinity sinala que apenas 3% dos propietarios acepta expresamente familias con animais domésticos.

Con este dato, a Galiza fica moi próxima á media estatal (4%), cunha maior aceptación na circunscrición de Pontevedra (5%) e menor na de Ourense (2%). O mesmo estudo constata que no último ano a maioría dos donos de vivendas en alugueiro endureceron a súa política de mascotas.

En Aragón é onde se mostran máis reticencias á convivencia con animais de compañía (só o permiten 1% dos propietarios), mentres Madrid queda no extremo oposto (7% de aceptación). Todas estas porcentaxes, porén, fan referencia aos contratos nos que se autoriza de forma explícita, se ben ambas as partes poden chegar a un acordo.

Mais é preciso, en calquera caso, o permiso do propietario, xa que a Lei de Arrendamentos Urbanos (LAU), reguladora do mercado de alugueiro, delega nel a decisión de permitir ou non cans, gatos e outros animais domésticos na vivenda en cuestión.

"Convivir cun animal de compañía non é sinónimo de problemas, simplemente hai que cumprir unhas normas básicas, e cremos que hoxe en día temos suficiente información e responsabilidade como para asegurar unha boa convivencia", defende Isabel Buil, directora da Fundación Affinity.

Sinala tamén que, en boa parte dos casos, esta negativa é consecuencia de "prexuízos" e non da "realidade". "Ao descartar as familias que teñen animais de compañía está a perderse a un gran número de posíbeis candidatos que poderían ser perfectos inquilinos da vivenda. Debemos desterrar a idea de que os animais son sinónimo de ruídos e sucidade porque iso non ten ningunha base e é unha crenza que mingua a igualdade de oportunidades de moitas familias á hora de acceder a unha vivenda", engade.

Na mesma liña, María Matos, directora de Estudos de Fotocasa, opina que esta admisión, "cada vez máis necesaria" dado que "non é novidade que cada vez teñamos máis cans e gatos", contribuiría ao "equilibrio do mercado do alugueiro". "Existen instrumentos como seguros ou cláusulas no contrato que achegan seguridade e garantías aos propietarios, no caso de que se produzan danos. En definitiva, é responsabilidade de todos conseguir unha sociedade máis respectuosa cos animais e as súas familias", sostén.