600 mans unidas pola liberdade d@s independentistas pres@s

[Imaxe: Maia]

A acción solidaria convocada por Ceivar realizouse na tarde do 24 de Xullo abrindo o programa de actividades con que a Galiza nacionalista conmemoraría o Día da Patria. O accidente ferroviario de Angrois obrigou a cancelar a axenda: só esta mobilización e a manifestación unitaria da mocidade percorreron as rúas de Compostela. Clamouse nas dúas pola independencia 


'Algo farían', sentencian as xentes sen pensaren que, desde calquera punto, a máquina de represión do Estado pode exercer o seu control sobre nós. No independentismo galego non estamos a falar de loita armada, senón dunha loita ideolóxica que se criminaliza.

Así falou a escritora Teresa Moure na leitura do manifesto co que concluíu a cadea humana que cada ano convoca Ceivar pola liberdade dos e das presas independentistas. A día de hoxe son seis os que fican submetidos á dispersión, repartidos polos cárceres do Estado, soportando unha condena a prisión preventiva antes de que se dite contra eles unha sentenza, en aplicación da lei antiterrorista. 

Á espera da sentenza que contra Antom Santos, Eduardo Vigo, María Osório e Roberto R. Fialhega ditará previsibelmente antes do 1 de agosto a Audiencia Nacional española --foron acusados de delitos de tenza de explosivos, falsidade documental e pertenza a banda armada, polos que o Ministerio fiscal lles reclama 64 anos de prisión-- este 24 de Xullo foron centos as persoas que uniron as súas mans para denunciar as condicións de privación de dereitos e liberdades en que se atopan.

Baixo unha forte presenza de antidisturbios que agardaban por el@s en cada recuncho, percorreron as rúas da zona vella reclamando, ao mesmo tempo, unha Galiza ceiba.​


​España continúa a mostrarnos nos últimos tempos a súa face máis crúa. Exténdese a malvivenza e a pobreza, e o circo da política institucional xa nen disimula. Para triunfar nos seus propósitos vai triunfar nas rúas e nas cadeas idéntica fórmula, reducir as persoas á insolidariedade e ao egoísmo. E, para quen aínda contra todos os obstáculos se revolta sen complexos, prepara o pau e os barrotes.

Este bocado de texto fai parte da comunicación que o preso independentista Antom Santos leu en nome do Colectivo de presos independentistas galegos. A súa voz non perdeu forza malia pasar primeiro polo filtro dunha gravadora e fixo estourar a praza do Matadoiro nun sonoro aplauso seguido de berros en prol dunha Galiza independente. 

A policía española encetou a tarde practicando cacheos nas mochilas e bolsos dos e das cidadás que se dirixían á praza de Galiza, onde estaba convocada a saída da cadea humana, con bandeiras ou simboloxía nacional. Da mobilización fixeron parte @s observador@s de Esculca.