"Os nomes do terror", un fenómeno editorial

Presentación do libro no Festigal

Compostela, Verín, A Estrada, Ribadeo, Pontevedra, Viveiro, Sarria, Foz, Santiso de Abres, Ferrol, Ordes, A Coruña, Vigo, Marín... e así ate chegar a máis de 1.700 persoas que ateigaron as presentación que acolleron as citadas localidades e que terán continuidade ao longo das próximas semanas e meses. A afluencia de público e a reedición de Os nomes do terror após esgotar a primeira tirada en apenas un mes demostran o suceso do libro pioneiro sobre os represores na Galiza.

Familiares de represaliados que após 81 anos seguen á espera do nome do asasino do avó ou do pai, mozas e mozos criados formalmente en democracia á espera de respostas que os seus rexedores públicos seguen negándose a dar a 40 anos do morte do ditador ou simplemente xentes do común desexosas de recuperar o fío da historia.

 

Ao fin Os nomes do terror. Galiza 1936:os verdugos que nunca existiron, volume publicado por Sermos Galiza, un dos sucesos editoriais do verán galego, esgotado tras vender 1.800 exemplares entre o  25 de xullo e o 27 de agosto e que vén de ser reeditado a comezos de setembro, tras situarse mesmamente como o libro no noso idioma máis vendido nalgunhas feiras do libro da Galiza.

 

Os nomes do terror. Galiza 1936:os verdugos que nunca existiron non defraudou as expectativas abertas. Segundo indica un dos coordinadores do volume, Eliseo Fernández, “o interese da cidadanía polos vitimarios xa o comezamos a percibir con anterioridade á publicación do libro, cando moitas das persoas que estabamos traballando no ámbito da memoria eramos interpelados en palestras ou particularmente polos vitimarios”.

 

Fernández lembra como se foi elaborando o traballo “botando man das persoas que viñan traballando no ámbito da memoria. Uns que desde o eido comarcal ou local xa se tiñan achegado ao tema como Dionisio Pereira, Manuel Pazos, Carlos Nuevo, Xoán Carlos Garrido ou Ramón Ermida. E outros que xa tiñan traballado a represión desde unha perspectiva sectorial como Emilio Grandío, JudithCarbajo, Ana Cebreiros, Carlos Velasco ou Bernardo Maiz”. Non esquece o investigador ferrolán que o traballo nace vinculado a Sermos Galiza, “concretamente a un caderno publicado na súa edición papel con motivo do Día da Galiza Mártir de 2017”.

 

Xoán Costa, persoa que participou na práctica totalidade das presentacións do libro na súa condición de máximo responsábel da sociedade editora, non dúbida en sinalar que o éxito da obraradica en “dar resposta a unha demanda social”. “A xente estaba agardando un traballo como este, un traballo que dese resposta a preguntas que tiñan sen contestar desde había moitos anos, algunhas delas que se transmitiran de pais a fillos”, continúa Costa, convencido do valor da investigación para rachar o medo e normalizar os debates dos vitimarios.

 

“Non deixa de ser tamén curioso como en boa parte dos actos celebrados moitos dos asistentes certificaban nas súas intervencións ou aseveraban coa cabeza diante dos nomes dos verdugos que se estaban citando, o que demostra que a inercia do medo funcionaba como unha lousa para resgatar esta realidade”, conclúe o presidente de Sermos Galiza.

Na mesma liña, sinala a importancia de contar cun traballo que ofreza unha visión de conxunto sobre os verdugos na Galiza, unha realidade que estaba ausente no relato da represión e que, polo tanto, impedía ofrecer unha panorámica completa da mesma.

 

Participación

 

Un dos aspectos que destaca Xoán Carlos Garrido, outro dos coordinadores do volume, é o proceso participativo que se xera arredor do volume. “A grande maioría das presentacións están sendo organizadas polo tecido cultural de base ou polas asociacións que se moven no campo da memoria, o que permitiu socializar e individualizar os vitimarios nas diversas realidades locais.

 

Porén, o máis importante foi o debate que xurdiu nas diversas presentacións, un debate que non se limitou a consultas ou dúbidas que xurdisen nos mesmos ou coa lectura do propio libro, senón que serviu para problematizar e analizar. Aínda así, o máis emotivo é o acontecido en varias presentacións, onde familiares directos de represaliados ou persoas con información sobre os verdugos achegáronse a nós para fornecernos dados ou documentación”.

 

Dionisio Pereira, un veterano investigador sobre a memoria e unha sorte de símbolo nos traballos dos vitimarios que chegou a ser procesado en 2007 por unha publicación sobre os represores en Cerdedo, indicaba a Sermos Galiza o que obxectivo partillado polosautores do libro é “unha avinza de base que pretende remover conciencias: ao cabo, é un contundente alegato contra a impunidade histórica dos xenocidas”.

 

Pereira explica:“nós non somos xuíces, nin temos nas nosas mans acometer as mudanzas que rematen coa impunidade xurídico-política, mais como historiadoras e historiadores si podemos achegar os nosos coñecementos para guindar na papeleira da Historia a impunidade dos represores. Desde a miña perspectiva, este pulo ético é a principal achega da publicación”. O volume, como sinalan os coordinadores no limiar, respondía á vontade de abrir un debate sobre os vitimarios e de promover a súa investigación. Está por ver que continuidade ten este traballo no ámbito historiográfico,mais sen dúbida ningunha o debate chegou para ficar.

 

Máis imaxes