EDUCACIÓN

Noite de 'okupas' contra o decreto de Wert

As imaxes do encerro foron captadas por Diego Boquete
Un numeroso grupo de nais, pais, estudantado e docentes remataron esta terza ás nove da mañá o primeiro encerro dunha cadea que irá rotando polos IES do país até o 1 de xuño para exixir á Xunta que non aplique os recortes no ensino público e que denuncie o RD 14/2012 perante a Xustiza

A aula de 3ºD da ESO do IES Rosalía de Castro, en Compostela, non amenceu baleira nesta terza feira. Un numeroso grupo de nais, pais, estudantes e docentes ocupárona, tamén durante a noite, completando un peche que iniciaron ao redor das catro do serán da segunda en contra dos recortes que contempla o Real Decreto-lei 14/2012 no ensino público. O seguinte encerro na cadea será en Ferrol, no IES Concepción Areal, outra vez ás 16.00h.

"Os pais e nais de Compostela rexeitamos de modo especial os recortes educativos non só polo que teñen de inxustos senón tamén de innecesarios, nun momento no que vemos que existe diñeiro público para todo menos para o futuro dos nosos fillos e fillas", explicou Fernando Lacazi, Presidente da Federación de ANPAS de Compostela, quen criticou os investimentos feitos polo Goberno español para salvar a banca como un vieiro que levará "este noso país a se converter en importador de formación e fornecedor dos peores empregos".

A Federación á que representa Lacazi forma parte da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, formada para responder de modo conxunto contra os plans que para a educación pública galega están a ser deseñados en Madrid. A non substitución do profesorado nos primeiros dez días lectivos dunha baixa, a eliminación da obrigatoriedade de ofertar dúas modalidades de Bacharelato, a suba das taxas até nun posíbel 66% ou o incremento da ratio de alumn@s por aula son algunhas das medidas que recolle a norma contra a que se posiciona a Plataforma, exixindo que a Xunta de Galiza non a aplicar e a recorrer perante o Tribunal Constitucional ao invadir competencias transferidas á Consellaría de Educación.

Nesta mesma dirección, o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, apuntou como o ensino galego vén sufrindo, desde a entrada do PP na Xunta de Galiza, "agresións de todo tipo ao noso idioma, e redución de recursos e orzamentos que nos sitúan por debaixo da media en investimento educativo". CIG-Ensino, que forma parte tamén da Plataforma, considerou por boca de Louzao que, de se aplicaren, "estes recortes van supor o desmantelamento dun sistema público básico".

Pola súa banda, Daniel Candal, estudante de Políticas e responsábel de Organización dos Comités, sinala que este RD/Lei é "unha agresión ao ensino" e supón unha privatización da Universidade "sen precedentes" mediante unha suba das taxas "inxusta". Alba María Feijoó López, estudante e integrante de Galiza Nova, quéixase de que os recortes ataquen o ensino, "un dos alicerces de calquera sociedade minimamente democrática e avanzada", ao non se garantir a igualdade real de oportunidades e ficaren "moitas familias" fóra da posibilidade de acceder á Educación pública.

Na mesma liña falou Diolino González, da Liga Estudantil, ao se referir aos peches rotativos como unha acción "que vai permitir visibilizar o rexeitamento aos recortes", e preparar a manifestación do próximo 3 de xuño en Compostela, en defensa dos servizos públicos. No peche, tamén participaron representantes do BNG que advertiron sobre a política de privatización do ensino desenvolvida polo PP e insistiron na importancia de garantir un ensino "público, galego e de calidade".

Para evitar que este decreto chegue a porto, a Plataforma convocou esta nova acción, os peches nos centros, que arrincou en Compostela. De seguido chegarán Ferrol --15 de maio--, Verín --18 de maio--, Vigo --21 de maio--, A Coruña --22 de maio--, Pontevedra --23 de maio--, Lugo --24 de maio--, Burela --25 de maio--, O Morrazo --29 de maio--, A Guarda --30 de maio--, Carballo --31 de maio-- e Ourense --1 de xuño--.