Negacionistas de todo o Estado marchan polas rúas de Compostela

A marcha concluíu na Praza do Obradoiro (Foto: Arxina).

A manifestación percorreu o tramo que separa a estación de tren da praza do Obradoiro, coincidindo cunha concentración antifascista baixo o lema “a saúde pública é un dereito: extrema dereita fóra da Galiza”

Compostela tornou na capital estatal do negacionismo da Covid-19 ante a mobilización que tivo lugar nas súas rúas para protestar contra a modificación da Lei de Saúde galega –ou “Lei Auschwitz”, tal e como a denominan-, que será aprobada con toda seguridade na vindeira terza feira no parlamento galego.

Arredor de cincocentos manifestantes, convocados por organizacións e colectivos como ‘Médicos por la Verdad’, ‘Policías por la Libertad’ ou ‘Colectivo humano Conscientes y libres’, marcharon polo casco histórico compostelán, concretamente desde a estación do tren até a praza do Obradoiro, en contra dunha lei que obrigará “á vacinación obrigatoria e implicará un sometemento a máis corentenas e toques de recoller”, así como á “detencións de civís en centros de illamento, que xa se están a construír a tal efecto”.

Inmediatamente, diferentes colectivos como Estudantes Antifascistas ou o Comité Antifascista de Compostela chamaron a "encher o percorrido" da marcha "ultra e negacionista" con bandeiras e símbolos "antifascistas", desfilando unidos baixo o lema “a saúde pública é un dereito: extrema dereita fóra da Galiza”.

Non obstante, e a pesar de que se viviron algúns momentos de tensión, a concentración negacionista conseguiu chegar á praza do Obradoiro, onde o presidente da Asociacións de Policías pola Liberdade, Juan Manuel Mateo, leu un manifesto criticando a nova lei que se promove desde a Xunta baixo os argumentos de que “un Goberno rexional non pode lexislar para limitar dereitos e liberdades fundamentais” e, que este, engadiu, “viola os dereitos humanos”.