Máis un protesto volve exixir a inmediata posta en liberdade da presa galega Noelia Cotelo

[Imaxes da concentración: Amaía]

A moza de 25 anos declarou esta cuarta feira na vista oral contra os funcionarios aos que denunciou por tela submetido a "maus tratos e torturas" en penais españois. Unha concentración perante os xulgados da Coruña reclamou o seu translado á Galiza


"Agredida sexualmente namentres a esposaban á cama. Agredida na ducha entre dez carcereiros. Mallada en todo o corpo. Golpeada na zona xenital aberta de pernas á forza. Un ollo e un ouvido reventados. Danos nas cervicais. Desatención médica e educativa. Celas sen fiestras no inverno". 

Así describe a nai de Noelia Cotelo, Dolores Riveiro, a situación en que a súa filla cumpre condena no cárcere español de Brieva.

Cadrando co enxuizamento dos seus carcereiros en relación a unha das denuncias interpostas pola presa relatando "as torturas" ás que foi sometida (outras foron arquivadas sen ouvir o seu testemuño, dando por bo o facilitado polos funcionarios), unha concentración perante o edificio dos xulgados da Coruña para exixir a inmediata posta en liberdade da moza. 

Clasificada en primeiro grao por reclamar respecto aos seus dereitos

Encarcerada hai cinco anos polo roubo dun carro ligado ao consumo de drogas polo que está a recibir tratamento, esta muller, galega e de 25 anos, rematou clasificada en primeiro grao após varios enfrontamentos cos funcionarios da prisión para exixir o cumprimento dos dereitos contemplados no regulamento penitenciario no seu favor e no doutras internas. Por estes feitos ten catro causas pendentes. Presentou denuncia por maus tratos e torturas contra funcionarios da prisión de Picassent en setembro de 2012 e contra os de Brieva en outubro de 2012 e en febreiro de 2013.

Nunha entrevista concedida a Sermos Galiza e publicada nun especial a restrición das liberdades a pres@s galeg@s realizado polo observatorio Esculca (semanario nº39, 15 de marzo de 2013), a nai de Noelia Cotelo denunciou que á súa filla "non lle deixan nin estudar para unha materia que lle falta para ter o título da ESO". 

Para alén das condicións descritas ao comezo desta información, Dolores Riveiro queixouse tamén das condicións materiais en que cumpre condena: "rara vez pode ducharse en auga quente; quitáronlle a roupa de abrigo e metérona nunha cela coas paredes metálicas, moi fría; botábanlle na comida medicamentos para tela durmida todo o tempo e agora só pode comprar no economato". Submetida á dispersión, Noelia Cotelo fica encarcerada a 500 quilómetros do seu domicilio.