Iolanda Galego

“No seu día o nacionalismo tivo que superar o rexionalismo, agora é o independentismo quen debe facer o propio co nacionalismo”

Iolanda Galego

Conversamos cunha das persoas que integra a comisión organizadora que convoca a manifestación independentista deste 25 de xullo.

- Un 25 de xullo convocado polo independentismo de base, confiades nunha ampla asistencia á mobilización?

- Confiamos, e facémolo porque sabemos que hai unha estendida percepción en amplos sectores nacionalistas populares de que a “vía estatutaria” na que algunhas quixeron imaxinar no pasado un camiño de avanzo está morta, e porque o histórico tabú antiindependentista fai augas por todas partes. A nova xeración de galegas xa o rompeu e, se no seu día o nacionalismo tivo que superar o rexionalismo, agora é o independentismo quen debe facer o propio con el. Esgotamento do estatutismo e necesidade de abrir unha vía independentista orixinal, como fan outras nacións de Europa, son dúas ideas-forza que hoxe se están a abrir paso á marxe do que digan ou do que resistan certas elites nacionalistas pequeno-burguesas que sempre apostaron no “encaixe cómodo” en España e forzaron milleiros de militantes a viviren nunha esquizofrenia política crónica. Estas condicións, que son relativamente novidosas, fannos acreditar en que a convocatória pode animar a moita xente decepcionada de outras estratexias ou que agora está na casa.

Por outra parte, confiamos no traballo que se está a facer, a ilusión posta por decenas de independentistas de base para sacar adiante esta convocatoria, levamos semanas de traballo con asembleas abertas e coladas nas diferentes comarcas galegas, intensa difusión nas redes sociais,… en definitiva un traballo que esperamos sexa capaz de concienciar a xente da necesidade que temos de acadar a independencia e ilusionar cara ao futuro.

"O espazo independentista é hoxe un campo aberto cunha grandísima potencialidade”


- Falades da independencia como a única vía para un futuro digno para o país. Mais a opción da independencia está excluída do debate político e mediático na Galiza, non aparece por ningures. Ninguén a defende explicitamente.

- É comprensibel que os poderes reais exclúan a posición independentista. Saben das súas potencialidades, supón un perigo potencial real para a oligarquía española e a colonización mental que suporta o noso pobo axuda nesta dirección. Neste sentido, a súa reacción é lóxica. O que é menos comprensíbel é a posición do nacionalismo tradicional, que á vez que define o país como colonia, empéñase en procurar o imposíbel “encaixe cómodo” no Estado español, ou obstínase en “alargar o teito competencial”, cando esa vía foi sentenciada e levou o país ao dique seco en que agora se encontra. Logo, está a cuestión da brutal presión e represión sobre un independentismo firme mais minorizado. O que fixeron con Causa Galiza en outubro é elocuente: saben que existe unha xanela de oportunidades moi importante neste escenario para o avanzo do independentismo e tratan de condicionar o futuro a golpes. Modelan o mapa político potencial do país coa Guarda Civil. Mais a nós, máis que laiarnos do que pasa, que é algo previsíbel nun réxime non democrático como este, correspóndenos manter a firmeza na aposta estratéxica, organizala en proxecto político e seguir a traballar sen complexos pola independencia. Non lograron suprirmir a opción independentista nestes 40 anos e co tempo será ainda máis difícil ocultala porque é imprescindíbel.


“O balanzo global do ciclo autonómico, se se fai com obxectividade, só pode ser negativo”

- Os 40 anos de autonomía son, para vós, unha mostra de que sen "rachar amarras con España" non hai futuro para Galiza. Non houbo ningún avanzo nestas décadas para o país?

- Da nosa óptica, os avanzos que se produciron neste período debéronse mais ao traballo nacionalista e independentista real que á descentralización autonómica. Ese traballo militante foi o que permitiu que hoxe non teñamos que facer un diagnóstico aínda máis triste que o actual. O balanzo global do ciclo autonómico, se se fai com obxectividade, só pode ser negativo: liquidación de setores produtivos estratéxicos, continuidade do espolio colonial, xeneralización do desemprego e a precariedade, terciarización da economía galega, degradación ambiental e territorial, emigración xuvenil, confirmación de que as teorías da “solidaridade interterritorial” e a “converxencia de rendas” son fábulas políticas, mantenza do complexo da colonizada baixo novas modalidades, minorización do galego… Ademais, non podemos obviar que estamos a vivir un momento de recentralización política e económica. Se hai algo do que parabenizarse, é do traballo dos sectores patrióticos que mantén a nación con vida e o futuro só se pode cifrar na multiplicación e diversificación dese traballo. Igual que somos críticas coa farsa podemita dun proceso de rutura democrática para o que non se construiron as condicións imprescindíbeis, tamén o somos co camilismo, finalmente asumido polo nacionalismo tradicional, que para embelecer a súa deriva autonomista alega que esta serviu para fortalecernos como nación. Rechazamos os mitos e preferimos remitirnos aos resultados.

“O independentismo non naceu só para ser solidario frente á represión. Naturalmente, temos que seguilo facendo, porque esta non vai cesar, mais é necesario abrir o terreno de xogo”

- Convocades, tamén e ademais de pola independencia, "contra a represión e polas liberdades democráticas plenas". Como superar o sal-se-podes onde vos pretende meter a estratexia do Estado?

- A estratexia do Estado contra o independentismo é coñecida: condenar, a través da represión, o proxecto político á minorización social eterna, a ser un estado de opinión desorganizado e carente de estratexia e actuación sistemática. Hai actitudes como certa “antipolítica” que desde dentro alimentan esta situación de imadurez e minorización crónica. No entanto, volvendo á pregunta, penso que hoxe existe a claridade colectiva de entender que debemos romper o bucle infinito ao que nos quere reducir a represión. O independentismo non naceu só para ser solidario frente á represión. Naturalmente, temos que seguilo facendo, porque esta non vai cesar, mais é necesario abrir o terreno de xogo, diversificar os campos de actuación e romper os marcos limitados nos que nos quere constranxer o inimigo. E para todo iso hoxe existen as condicións necesarias. Neste sentido, a estruturación dun proxecto político independentista, amplo, asemblear, de base popular, que supere as eivas do sectarismo infantil e o dirixismo ideoloxista, que traballe á beira do pobo, é un elemento chave da solución.

- Un 25 de xullo convocado polo independentismo de base após, como dixestes na presentación, ficar o espazo político nidiamente independentista reducido ao mínimo. Oportunidade para recompor ese espazo?

- Desde logo. O espazo independentista é hoxe un campo aberto cunha grandísima potencialidade á espera de homes e mulleres organizadas para traballalo e, sobre todo, dun proxecto político que, con lexitimidade, e sobre bases claras, o articule. Dos erros do pasado tíranse conclusións valiosas. Acho que agora mesmo non nos deberíamos preocupar de se somos “moitas” ou “poucas” porque iso non é o significativo. O destacábel é que, a pesar de todo, cun tratamento represivo de excepción, cun nacionalismo maioritário que “tapona” a vía independentista, neste país mantívose esta aposta en pé e que esta é a única garantía de futuro para Galiza. É por estes princípios e concepcións que chamamos o pobo galego a saír para a rúa con nós neste 25 de xullo.