No Ribeiro as adegas pagarán polas uvas o que queiran

Vendima
Fracasou a mesa de negociación do viño no Ribeiro. As adegas presentes negáronse a negociar un contrato homologado e a unificar prezos. FRUGA denuncia desleixo por parte da Xunta.

Coa vendima en marcha, a mesa de negociación do viño de D.O. Ribeiro fracasou no intento de chegar a un acordo entre adegas e agricultor@s. Entre os puntos que pretendían tratar estaba a implantación dun contrato homologado que permitise, como noutras zonas, un prezo xusto e unhas condicións de pagamento equilibradas para ambas as dúas partes. Xosé Manuel Vilas, técnico da Asociación Galega de Viticultor@s e membro de FRUGA, asegura que unha gran parte das adegas “non deron oportunidade para negociar nada”.

As empresas explicaron que “a boa campaña do ano anterior” impídelles mercar todo o viño desta. Para Vilas son “escusas de mal pagador posto que “unhas campañas compensan outras, como pasou sempre”. A verdadeira razón podería ser unha precariedade calculada dalgunhas destas adegas que “aquí non queren negociar e nas súas filiais da D.O. Rías Baixas asinaron contratos por catro anos”.

Algunhas adegas negocian noutras D.O. e "aquí non queren"

Unha das adegas que o ano anterior teimou polos contratos homologados, a Cooperativa Vitivinícola, non se presentou nesta ocasión e asegurou que só mercará uva a aquel@s con que chegaron a un acordo o ano pasado.

Desleixo da Xunta
Nestes últimos anos, despois do cambio de goberno na Xunta e a chegada do PP a Medio rural, desapareceron algúns proxectos de dinamización e apoio ao sector do viño na zona do Ribeiro. “Hai moita rabia no sector”, asegura Xosé Manuel Vilas, “a actitude da anterior consellaría era moito máis positiva e daquela realizáronse moitas reunións en que se chegou a acordos finais”. E agora a situación chegou a un punto en que @s agricultor@s “terán que entregar a uva sen prezo”.

Tampouco hai control dos pagamentos. O técnico da Asociación Galega de Viticultor@s di que “as uvas do ano pasado aínda se están a liquidar e non se acabaron de pagar”. Para este ano apunta que despois da ruptura da mesa de negociación @s agricultor@s terán que entregar as uvas sen saber canto e cando cobrarán. “Non van saber o prezo até que lles chegue o ingreso no banco”.

FRUGA e BNG colaborarán para mellorar o rural
Doutra banda, a Federación Rural Galega (FRUGA) e o Bloque Nacionalista Galego (BNG) mantiveron unha reunión en Compostela para analizar a situación actual do rural galego e atoparon que estaban "na mesma sintonía". Diante da mesa estaban algúns dos problemas de máis urxencia como o peche de explotacións, o abandono do medio rural, o despoboamento ou a falta de servizos. "Só é preciso que exista un goberno galego que exerza como tal, e se comprometa na defensa dos distintos sectores e na implementación activa de políticas que garantan a supervivencia da actividade agrogandeira", apuntan desde o sindicato agrario.

Esta conclusión tamén é a que comparten desde o BNG. O propio portavoz nacional nacionalista, Guillerme Vázquez, manifestou que "de sempre o BNG defendeu políticas de intervención pública decidida para mudar a actual situación e que garantizasen o mantemento da actividade agraria e prezos dignos para os productos galegos". Ao remate da reunión a FRUGA anunciou que seguirán "colaborando nun futuro" coa intención de "acadar eses obxectivos comúns".