REndeu homenaxe ás vítimas do fascismo

25-X: Anova reivindica os "dereitos nacionais e sociais"

Acto de Anova na Coruña.
O portavoz nacional, Antón Sánchez, falou no acto da organización polo Día da Patria, que decorreu na Coruña e no que se rendeu homenaxe aos asasinados e represaliados polo franquismo. 

Anova elixiu a cidade da Coruña para facer os seus actos conmemorativos polo Día da Patria Galega. Simpatizantes da organización acudiron ao campo da Rata para asistir á ofrenda ás vítimas do fascismo "nun tempo de ameaza da ultradereita". Porén, tamén houbo espazo para a autocrítica.

Neste acto solemne, no que se reivindicaron "os dereitos sociais e nacionais", interviu o portavoz nacional da formación política, Antón Sánchez, que destacou o "simbólico" do lugar escollido este ano.

A Covid-19 fixo que a cita cambiara de Compostela a A Coruña, pero recordando as persoas represaliadas polo fascismo "polas súas diferentes ideoloxías", Sánchez dixo querer "seguir a súa estela", no que á defensa das crenzas dunha e dun se refire.

Malia que o acto era unha celebración do Día da Patria Galega e daquelas persoas que faleceron inxustamente, no decorrer do mesmo tamén houbo tempo para falar dos resultados das eleccións galegas do pasado 12 de xullo.

"Temos que facer unha fonda reflexión e autocrítica e definir os nosos erros", recoñeceu o voceiro nacional. A idea é seguir loitando pero sempre dende "o espírito construtivo".

Críticas ao PP

Doutra banda, o político rexeitou o discurso de que nos comicios á Xunta da Galiza deuse unha vitoria "da moderación e a volta á normalidade política". Sánchez pensa que as protestas cidadás e os apuros económicos, só por pór algúns exemplos, de que non hai normalidade.

"Hai un goberno que permite a corrupción máis absoluta, que permite o saqueo dos aforros das galegas e dos galegos, que deixou privatizar a AP-9, Endesa ou Inespal", subliñou. Por iso, alén dos resultados de Anova, quere seguir a traballar para ofrecer unha alternativa. "Temos motivos para seguir no político", resumiu.