Suspendida a campaña electoral en sinal de dó

No mínimo catro mortos e 49 feridos no descarrilamento dun tren no Porriño

Imaxe: Galicia por Diante (Radio Galega)

[ACTUALIZADA 12:05] O comboio, operado pola compañía lusa CP, saíu da vía pouco antes de entrar na estación ferroviaria. Unha das persoas falecidas sería o maquinista.

Ao menos 4 persoas falecidas, unha delas o maquinista, e 49 feridas no descarrilamento dun tren en Porriño, un suceso que tivo lugar sobre as 9:30 horas desta sexta feira. O sinistro aconteceu pouco antes da entrada da estación desta localidade, procedente de Vigo.

Varias testemuñas apontan que o tren, que realiza o traxecto entre Vigo e Porto,e no que viaxaban 73 pasaxeiros, comezou a descarrilar ao achegarse á estación por causas que todavía se descoñecen e colisionou contra un poste situado perto da ponte da N-120, na altura das Angustias. Até o lugar desprazáronse patrullas policiais e dotacións de Emerxencias. Informacións sinalan que habería pasaxeiros atrapados dentro dalgúns vagóns e que foron excarcerados.

ADIF establece un teléfono de atención para familiares: 900 10 10 20

"O tren ía rápido. Notamos un freazo"

Unha das pasaxeiras do comboio sinistrado, Carme, que viaxaba no último vagón, confesaba na Radio Galega que "o tren ía rápido e notamos un freazo". A rapaza explicou que "saímos axiña fóra do vagón e vimos xente ensanguentada". 

O tren estaría operado `por CP, Comboios Portugueses, a compañía ferroviaria lusa. O xornal Público.pt afirma que a composición era "uma automotora espanhola da série 592, vulgarmente conhecida em Espanha por “camellos”, que estava alugada à CP".

ADIF, o xestor de infraestruturas ferroviarias, anunciou que ía abrir unha investigación para intentar determinar as causas do sinistro.

As organizacións que concorren ás eleccións galegas decidiron suspender os seus actos de campaña para esta sexta feira, 9 de setembro, en sinal de dó.

O accidente obriga interromper o tráfico ferroviario entre as estacións de Louredo-Valos e O Porriño.

En ampliación. Imaxes: Cristina López e GxD