SUSPENDIDA A CAMPAÑA ELECTORAL EN SINAL DE Dó

Catro mortos e 49 feridos no descarrilamento dun tren no Porriño

tren porriño

O comboio, operado pola compañía lusa CP, saíu da vía pouco antes de entrar na estación ferroviaria. Unha das persoas falecidas sería o maquinista e outra o revisor, M.V, que era de Vigo. Un terceiro é un turista norteamericano e o cuarto un mozo vigués. 

Ao menos 4 persoas falecidas e 47 feridas no descarrilamento dun tren en Porriño, un suceso que tivo lugar sobre as 9:30 horas desta sexta feira. Os mortos son o maquinista, o interventor, un turista estado-unidense e un mozo de Vigo.

O sinistro aconteceu pouco antes da entrada da estación desta localidade, procedente de Vigo. O propio presidente da Xunta, en declaracións aos medios após chegar a Porriño, non descarta que haxa unha quinta vítima mortal.

Os feridos trasladáronse: 20 ao HAC, 14 a Povisa, 9 a Fátima, e 4 están nos centros de saúde do Porriño

Varias testemuñas apontan que o tren, que realiza o traxecto entre Vigo e Porto nunha vía do S. XIX,e no que viaxaban 61 pasaxeiros de varias nacionalidades, comezou a descarrilar ao achegarse á estación por causas que todavía se descoñecen e colisionou contra un poste situado perto da ponte da N-120, na altura das Angustias.

O ministro Rafael Catalá confirmou que se estaban a facer traballos na vía principal, que obrigan a desviarse a unha secundaria para o que tiña que se reducir a velocidade. O comboio pasou revisión a maio e unha revisión rutineira esta quinta feira en Porto.

ADIF establece un teléfono de atención para familiares: 900 10 10 20

"O tren ía rápido. Notamos un freazo"

Unha das pasaxeiras do comboio sinistrado, Carme, que viaxaba no último vagón, confesaba na Radio Galega que "o tren ía rápido e notamos un freazo". A rapaza explicou que "saímos axiña fóra do vagón e vimos xente ensanguentada". 

O tren estaría operado por CP, Comboios Portugueses, a compañía ferroviaria lusa. O xornal Público.pt afirma que a composición era "uma automotora espanhola da série 592, vulgarmente conhecida em Espanha por “camellos”, que estava alugada à CP". ADIF, o xestor de infraestruturas ferroviarias, anunciou que ía abrir unha investigación para intentar determinar as causas do sinistro.

Campaña suspendida

As organizacións que concorren ás eleccións galegas decidiron suspender os seus actos de campaña para esta sexta feira, 9 de setembro, en sinal de dó. Até a estación do Porriño desprazáronse o presidente e vicepresidente da Xunta, así como o ministro Rafael Catalá. Tamén a candidata do BNG á Xunta, Ana Pontón, e o candidato por Pontevedra, Luis Bará, que transmitiron a solidariedade para coas familias. 

"Não é um comboio muito antigo", afirmou o presidente da CP, Manuel Queiró, contrariando as palabras daalcaldesa do Porriño, Eva Garcia de La Torre, que, horas antes, afirmou que a locomotora tiña vagóns moi deteriorados.

 

 

En ampliación. Imaxes: Cristina López e GxD