Manuel Soto

"No ecoloxismo galego do futuro agardo máis reivindicación e máis voluntariado"

Manuel Soto

Manuel Soto, catedrático da UCD, é un activista de longo percorrido na recente historia do movimento ecoloxista galego. E vogal da xunta directiva e responsábel de publicacións de Adega.

-Como avalías o estado actual do ecoloxismo galego?

A actividade dos grupos locais está moi reducida en relación ao que foi na última década dos século XX e primeiros dous mil, tendo desaparecido unha maioría deles. Mesmo diminuíron os grupos locais de ADEGA, entidade que pola contra mantén un nivel alto de traballo nacional e sectorial. Un traballo de educación ambiental consolidado, unha atención constante á denuncia de impactos ambientais, mesmo certa incidencia en ciberaccións, mais en conxunto un traballo disperso con pouco músculo en temas concretos prioritarios. Loitas como Corcoesto ou Sarria tiveron a sociedade como protagonista, o que nos fala dunha conciencia ambiental mais xeneralizada que noutrora.   

Sermos ten de dar voz aos axentes locais e seleccionar axeitadamente os enfoques do discurso de fondo

-Que evolución agardas do ecoloxismo a cinco anos vista?

Máis reivindicación e tamén consolidación do voluntariado. O enquistamento de problemas como a xestión do lixo e a eucaliptización, o agravamento doutros (cambio climático, especies invasoras, perda de biodiversidade) xunto coa superación dunha época de queda, causada pola resaca do boom post-prestige e a crise, fan prever un incremento das accións reivindicativas. Agardo que o ecoloxismo consiga mobilizar a sociedade en temas prioritarios como os citados.  

-Que esperas de Sermos nos próximos cinco anos e en que cres que debemos e/ou podemos mellorar?

A evolución foi boa, tendo mellorado a calidade técnica. Hoxe hai información dispoñible sobre todas as temáticas, pero despersonalizada e descontextualizada. Dar voz aos axentes locais e seleccionar axeitadamente os enfoques do discurso de fondo. Na situación actual, a alfabetización ecolóxica non se pode limitar a ecoloxistas, toda a xente ten que saber identificar os problemas ecolóxicos e o que son solucións reais. Claro que isto sería o que lle demandamos a unha maioría de medios que non o están a facer.