En 77% dos fogares galegos xa non hai ningún menor e en 22% residen só maiores de 65 anos

CC BY-3.0-ES 2012EJ-GVIrekia-Gobierno VascoMikel Arrazola

En máis de 812.000 fogares galegos non reside ningunha persoa con menos de 16 anos de idade. 

A finais de 2016 publicábanse as proxeccións de poboación realizadas polo Instituto galego de estatística (IGE), un traballo que prognostica que para 2031 a pirámide poboacional galega terá 26% menos de menores de 10 anos e 16% máis de persoas entre os 80 e 94 anos. A perda de poboación e o avellentamento son dous dos retos que afronta Galiza e que foron albo de debate, máis unha vez, na última sesión parlamentar do 2016.

A imaxe que as proxeccións do IGE auguran para 2031 non deberían sorprender á vista dos propios datos actuais, non só en canto á poboación en si senónm mesmo á tipoloxía actual dos fogares galegos. Hai no noso país 1.060.792 fogares. En 76,7% deles, é dicer, en máis de 812.000, non hai ningunha persoa menor de 16 anos. Unha porcentaxe que no caso da provincia de Ourense elévase por riba de 81%. O IGE cifra en perto de 92% dos fogares do noso país aqueles nos que non hai ningún neno e menos de 5 anos. Unha vivenda con crianzas pasa ser, en Galiza, un ‘rara avis’.

Para completar esta imaxe, hai que ter en conta que en máis de 236.000 fogares galegos están compostos por persoas de 65 ou máis anos de idade. Son 22,3% dos fogares que hai en Galiza, case a cuarta parte. Esta tipoloxía, a de persoas maiores que viven solas, non parade aumentar. En 2015 incrementouse un 0,6% a respecto do exercicio anterior.

Taxa de natalidade das máis baixas do mundo

A taxa bruta de natalidade (nacementos nun ano por cada mil habitantes) é en Galiza do 7,1. É dicir, que nun ano nacen por cada mil galegos, 7 crianzas. Un dato que nos sitúa como o país do mundo coa taxa de natalidade máis baixa se nos comparamos cos perto de estados que existen. O segundo país coa taxa bruta de natalidade máis baixa do planeta é Bosnia Herzegonina, e ten un 7,6%, porcentaxe que supera en 5 décimas á galega. E Xapón, terceiro país neste triste ranking ten unha taxa do 8%. A media no Estado español supera o 9% e na Unión Europea sitúase por riba do 10%.