“Común temos a patria”: un 25 de xullo en tempos de pandemia

Compostela

A pandemia provocada pola Covid-19 e as consecuentes medidas de seguranza tomadas para evitar novos contaxios marcan este ano os actos deste 25 de xullo.

"Común temos a patria" escribira Celso Emilio Ferreiro en Irmaus, un dos seus poemas máis coñecidos.  A patria común que acolle unha axenda das distintas formacións políticas galegas para este 25 de xullo que debe adaptarse aos protocolos de protección sanitaria reducindo o número de eventos e aplicando o distanciamento social nas súas manifestacións, ademais de lembrarlle á militancia o obrigado uso das máscaras.

 A capital galega acollerá os actos organizados polas organizacións independentistas Agora Galiza e Causa Galiza e polo Bloque Nacionalista Galego, que conmemora este ano o centenario do Día da Patria Galega. Na Coruña e Rianxo terán lugar as ofrendas florais organizadas por Anova-Irmandade Nacionalista e o PSdeG, respectivamente.

Día da Patria expansivo e telemático para o BNG

A formación nacionalista realizará a súa tradicional manifestación desde a Alameda compostelá ás 12 horas, pero desta volta a concorrencia de militancia e simpatizantes estará limitada a un milleiro de persoas, as mesmas que poderán presenciar o posterior discurso da líder Ana Pontón na praza da Quintana.

Pero Compostela non será a única cidade de celebración do Bloque, senón que terán lugar actos simultáneos na Coruña, Ferrol, Pontevedra, Vigo, Lugo e Ourense, e realizarase unha conexión telemática prevista para as 12.45 horas. Cómpre destacar que entre as comarcas convocadas á celebración de cada un destes actos queda excluída, por mor da situación sanitaria pola Covid-19, a Mariña.

O lema para o Día da Patria, 'Construíndo unha nova Galiza', pretende dar continuidade ao da campaña do 12X --'Unha nova Galiza'--. "Transmitimos, fundamentalmente, que para nós o 12 de xullo non acabou nada, senón que foi un paso moi importante dentro dun proceso de avance", sinalou o responsábel de Comunicación nacionalista, Xavier Campos, na presentación da campaña.

Ademais, asegurou que este 25 de xullo será "inclusivo", posto que estará dirixido "a todos os galegos e galegas, na súa diversidade e pluralidade, sexan ou non nacionalistas, votasen ou non polo BNG". "Non queremos que sexa unicamente unha celebración dos homes e mulleres do BNG e que se senten nacionalistas. É un día que concibimos como o día da nación que compartimos", incidiu.

Os socialistas galegos círanse en Rianxo

Un ano máis, o Partido Socialista da Galiza achégase á vila de Rianxo para celebrar o Día da Patria realizando unha ofrenda floral ante o busto do político galeguista Alfonso Daniel R. Castelao. No evento intervirá Gonzalo Caballero, secretario xeral da formación, acompañado dalgúns dos seus deputados electos e de membros da executiva do PSdeG.

Anova homenaxea os fusilados da República

O monumento deseñado por Isaac Díaz Pardo no Campo da Rata da Coruña acollerá ás 12 horas do 25 de xullo a homenaxe floral de Anova aos galegos e ás galegas republicanas fusiladas, nun acto no que intervirá o portavol nacional, Antón Sánchez. Baixo o lema "Adiante República Galega", Anova quere recoñecer "os republicanos e republicanas que deron a súa vida pola liberdade e a xustiza social".

Por mor da actual situación sanitaria, Anova viuse na obriga de cancelar o xantar que, nos anos anteriores, realizara como remate dos seus festexos do 25 de xullo.

Manifestación de Causa Galiza

Ás 12.30 horas do día 25, Causa Galiza manifestarase, aplicando tamén medidas de seguridade, desde a Alameda compostelá baixo o lema "Mais independentismo para fazer frente à crise".

A independencia, indican, como “soluçom estratégica à tentativa dos poderes fáticos de carregar as consequências da pandemia nas costas das classes populares e reconfigurar o regime surgido da Transición, bloqueando, de novo, o exercício do direito de autodeterminaçom e impondo um novo ciclo estatutário”.

De por parte, Agora Galiza.-Unidade Popular ten unha concentración-acto político o 25 de xullo na Praza 8 de marzo de Compostela baixo o lema: Paremos o fascismo: independencia e socialismo.

Compromiso por Galicia

Compromiso por Galicia realizará ás 12:00 horas unha ofrenda floral no Panetón dos Galegos Ilustres, en Bonaval, Compostela. Ás 14:00 horas hai un xantar de confraternidade en Gres, no concello de Vila de Cruces. Nas redes sociais convoca o 25 de xullo co HT #nindereitaninesquerdagalicia