Ningunha diocese galega enviou á Fiscalía casos de abusos sexuais

Álvaro García Ortiz, fiscal xeral. (Foto: A. Pérez Meca / Europa Press)
Os bispos afirman colaborar coa oficina do fiscal.

Ningunha das dioceses galegas remitiu á Fiscalía Xeral do Estado datos sobre casos de abusos sexuais a menores denunciados ante estas institucións, e só dúas, das cinco existentes, responderon ao requirimento.

As dúas dioceses que responderon á Fiscalía foron a de Mondoñedo-Ferrol e a de Santiago de Compostela, e fixérono remitindo unha "carta modelo" na que se recolle que, "salvo inadvertencia, non existen denuncias ou testemuños recadados desde as oficinas de asistencia ás vítimas relativos á comisión de delitos contra a liberdade sexual contra menores de idade".

As outras tres dioceses –Ourense, Tui-Vigo e Lugo– non responderon ao requirimento da Fiscalía.

O fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz, avanzou durante unha comparecencia no Senado que á vista da "escasísima información recibida" por parte das distintas dioceses sobre casos de abusos sexuais a menores, remitirá nos próximos días oficios a determinadas entidades e congregacións relixiosas para recadar información sobre casos dos que a Fiscalía aínda carece de datos.

'Colaboración' coa Fiscalía

Na resposta ás mencionadas declaracións, os bispos subliñaron que xa se enviaron á Fiscalía os relatos sobre denuncias de abusos recibidos polo xornal español El País para que se investigaran os feitos e fixeron fincapé en que as dioceses do Estado manteñen unha "decidida relación de colaboración" coa Xustiza e, en concreto, coa Fiscalía

Das 70 dioceses que hai no Estado español, só as dioceses de Barcelona, Sant Feliú (Catalunya), Barbastro (Aragón), e Vitoria (Euskal Herria) enviaron á Fiscalía Xeral do Estado datos concretos –como, por exemplo, o nome da vítima– dos casos de abusos sexuais denunciados nas súas dioceses. Outras 26 responderon con cartas modelo.