Ningún docente de relixión católica imparte as horas lectivas que cobra

Comparando a relación de postos de traballo do profesorado contratado para dar aulas en infantil e primaria co número de unidades nos colexios da Galiza e a proximidade entre estas, sobrarían ao redor de 50 mestr@s

 

Segundo a disposición publicada pola consellaría de Educación, que dirixiu Jesús Vázquez na pasada lexislatura, no DOG —Diario Oficial de Galiza— do 28 de setembro de 2012, o persoal contratado para impartir a materia de relixión nos centros de infantil e primaria do país suma un total de 521 docentes. Da comparación entre as horas polas que o profesorado está contratado e as unidades de que dispón cada colexio, recollida na relación de postos de traballo emitida polo mesmo departamento da Xunta do PP, tírase unha conclusión rechamante: non hai ningunha nin ningún docente que complete o horario lectivo polo que está a cobrar.

Co ollar posto nestes datos "é ben certo que os mestres de relixión teñen marcadas moitas menos aulas respecto de funcionarios que aprobaron unha oposición", sinala Patricia Ferreira —nome ficticio—, directora dun centro de primaria na provincia de Lugo. Ao repasarmos as cifras das escolas lucenses observamos como en 21 delas o profesorado de relixión imparte menos de 15 horas lectivas á semana. Moit@s teñen unicamente 12, e un mestre, que tamén é sacerdote, ten asignadas 5,5 horas semanais estando contratado por 19. Cómpre sinalar neste punto que na relación de postos de traballo do profesorado de relixión publicada pola consellaría que encabezaba Jesús Vázquez asígnanse 37 horas e media a cada docente, agás en cinco centros. Nestes, as contratacións fixéronse por 19 horas.

O profesorado de relixión non se somete a proceso selectivo ningún. "O único requisito é ser propostos polo bispado", informa Patricia Ferreira, quen alerta de que, entrementres na pasada lexislatura se destruíron máis de 2 mil postos de traballo de docentes no ensino público "están a manter ensinantes de relixión cando non fan falta". Subliña que @s mestr@s desta materia non completan as súas horas lectivas "nin sequera nos supostos en que imparten aulas en máis dun centro". Calcula que na provincia de Lugo sobrarían once profesor@s, o que suporía un aforro de 300 mil euros só en infantil e primaria.

Ferreira botou contas tomando en conta que moitos centros de ensino están próximos, ensinantes adxudicados a un colexio poderían ter outros itinerantes —como pasa xa, segundo a relación de postos da Xunta— até completar as 37,5 horas. Facendo unha estimación en base a esta premisa, situamos en 15 os postos de docentes de relixión que sobran en Ourense; e uns 10 en Pontevedra e na Coruña. Ferreira di que entre a comunidade educativa se fala de que "en secundaria hai profesores de relixión con 5 horas de aulas á semana que cobran polo menos 300 euros máis que o mesmo docente na primaria—ao equivaleren os postos a grupos distintos de oposicións, nomeadamente A1 e A2— e poden chegar a cobrar máis que un director de primaria coa mesma antigüidade", en referencia a si propia.

Para alén de mestr@s, moitos tamén son curas. "En materia de relixión A Coruña e Pontevedra están entrando no século XX, en Lugo estamos no XVIII e en Ourense aínda andan polo XV", subliña a mestra. Recorda que para contratar unha persoa que imparta aulas dunha confesión distinta da católica "cómpre unha cota mínima". Para que non se suprimisen unidades no rural para este novo curso académico a Xunta exixiu tamén un mínimo de estudantes, 18, volvendo ás escolas unitarias ao xuntar alumnado de distintos cursos. Mais para manter @ mestr@ de relixión católica abonda cunha crianza, e non se xuntan niveis. Neste sentido, Ferreira ten claro que "a Igrexa segue a ter dereito de pernada".

Concertos coa privada: elas, "a sus labores"

Para alén dos privilexios da Igrexa católica á hora de colocar púlpitos nas aulas da Galiza, na anterior lexislatura o PP destinou até 250 millóns a centros concertados, a maior parte deles xestionados por algunha orde relixiosa. Suprimíronse 145 unidades e 12 centros públicos, ao tempo que se crearon 16 unidades novas nos concertados. "Hoxe xa non vale aquela argumentación de que non hai onde meter os rapaces", critica Patricia Ferreira, directora de primaria.

Con todo, retomáronse tamén os acordos con cinco colexios segregacionistas onde as crianzas se separan atendendo ao seu sexo. Facendo ouvidos xordos das queixas que chegaron desde todos os elos da cadea educativa e denunciados polos sindicatos, nomeadamente desde CIG-Ensino, a consellaría de Educación repartiu tres millóns de euros entre os centros Monte Castelao, Las Acacias e Aloya en Vigo; e Montespiño e Peñarronda na Coruña; todos vinculados abertamente ao Opus Dei. O diñeiro que neles se investiu permitiría que o programa Preescolar na casa —desmantelado pola política de austeridade da Xunta— funcionase con normalidade durante tres anos. "Os privilexios da relixión católica teñen un efecto desmoralizante no profesorado que superou unhas oposicións na pública", acrecenta Ferreira. Conta que nas escolas de maxisterio "obrigatoriamente polo concordato" hai que ofertar relixión católica, e @ docente percibiría o mesmo salario que unha profesora ou un profesor universitari@. "En Lugo quen imparte as aulas é o secretario do bispo".

Por derradeiro, facemos un repaso rápido pola oferta formativa dos centros segregacionistas. Até as actividades extra-escolares perpetúan os roles de xénero: para eles judo, fútbol-sala, xadrez ou atletismo; para elas ximnasia rítmica, patinaxe, aerobic, cerámica ou 'a agulla máxica' —aulas de costura—.

 

Esta información é un dos contidos do número 22 do semanario Sermos Galiza en papel. Pódese facer cun exemplar mercándoo nos quiosques ou subscribíndose para o recibir no seu domicilio.