Nin modificacións horarias para hostalaría e toque de recoller nin fin do fechamento primetral

Mozas e mozos con máscara nunha terraza (Imaxe: Europa Press).

Comité clínico desta terza feira, día 6.

Núñez Feixoo remitiu ao comité clínico da semana que vén para realizar unha valoración global da situación de Galiza e medir o impacto dos festivos da Semana Santa na incidencia epidemiolóxica por Covid-19. Deste modo, o comité clínico desta terza feira, día 6, servirá para iniciar un estudo da situación e axustar as listaxes dos concellos, pero haberá que esperar ao ciclo da enfermidade, é dicir, pasados un dez días, para comprobar a situación.

Así o expresou nunha visita a Paderne de Allariz, na que o presidente indicou que os datos acreditan que Galiza atópase nun "momento de estabilidade" na incidencia a 14 días, "incluso baixando", e nun momento tamén de "estabilidade" na situación a sete días, o que é un indicador adiantado para saber o que pode ocorrer a semana que vén.

Con todo, aínda non se coñecen os efectos da mobilidade do últimos catro días e da maior interacción social, polo que Feixoo explicou que até finais ou principios da semana que vén haberá que esperar para coñecer a fotografía que deixan os festivos en Galiza.

Avanzou, iso si, que até a terza feira da semana que vén "non hai ningunha decisión importante" riba da mesa. Desta maneira, prevese un axuste dos concellos que entran ou saen nos distintos niveis de restricións, pero "non vai haber decisións de ampliación de toque de recoller", como xusto esta segunda feira defendeu o PSdeG no caso de que o permitan os datos epidemiolóxicos, ou da hostalaría.

"A partir do 13 de abril, empezaremos a avaliar se é posíbel algunha mellora, tanto do toque de recoller, como de horario da hostalaría, pero iso non depende máis dos datos que vaiamos acumulando esta semana, como de balance definitivo das interaccións de Semana Santa", expuxo.

Tamén sobre a apertura de Galiza, sinalou que até a semana que vén tampouco está previsto que a Xunta tome decisións de calado, o cal inclúe o pechamento perimetral -que concluiría o 9 de abril-.

"Até o 12 ou 13 de abril non imos tomar decisións respecto diso, entendemos que non temos todos os datos de Semana Santa computados", aseverou.

"Esta semana non hai cambios e a semana que vén, o comité clínico e o conselleiro e o Sergas, co mesmo criterio de prudencia, valorarán e farán público calquera cambio", sinalou Feixoo, quen dixo que "poden ser cambios para abrir ou para axustar zonas se os datos arroxan nalgunhas zonas que sexan malos ou hai algunha tensión nalgunha zona á alza".