Análise

Nin lume nin fume

O despoboamento é un dos grandes desafíos da sociedade galega e debe ser afrontado con realismo. (Ilustración: Álex Rozados)
O arquitecto urbanista Iago Lestegás Tizón analiza para 'Nós Diario' o despoboamento na Galiza.

Sobre As Bestas, o filme de Sorogoyen inspirado no crime de Santoalla, paira a cuestión do despoboamento das aldeas. Como pano de fondo aparece o colapso dunha forma milenaria de habitar e traballar o territorio que hoxe é tachada de insostible por chocar coa lóxica capitalista de xuntar a poboación nos espazos máis competitivos. De acordo cos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), o 36,6% dos galegos estamos concentrados no 3,3% da superficie do país: a que suman os sete concellos máis poboados. Entre 1981 e 2021 caeu o número de habitantes en oito de cada 10 municipios galegos e perderon máis da metade da súa poboación tres de cada 10. Dos 68 concellos que gañaron habitantes nese período, só 14 están na metade oriental.

Das 53 comarcas en que o Decreto 65/1997 dividiu Galiza, 41 teñen hoxe menos habitantes que hai 40 anos e 11 destas teñen menos da metade dos que contaban daquela. Só tres das 12 comarcas que gañaron poboación entre 1981 e 2021 están na metade oriental: Lugo, a Mariña Central e Ourense. Neste período perderon máis dun terzo da súa poboación 21 comarcas, todas elas interiores agás Ortegal e Muros. A Terra de Caldelas —que perdeu o 71,7% da súa poboación— lidera o declive demográfico seguida pola Baixa Limia, a Terra de Trives e mais a comarca da Fonsagrada. Segundo estes datos, nove comarcas perderon máis habitantes entre 2011 e 2021 que nos 20 anos anteriores e outras 12 que entre 2001 e 2011 gañaran poboación perderon habitantes na última década.

Péchanse as casas para sempre, ínzanse os camiños de silveiras, esboróanse os hórreos e as palleiras sen que ninguén oia o estrondo

Ademais, as cifras do Nomenclátor do IGE mostran que en só dúas décadas se triplicou o número de parroquias con menos de 20 habitantes: en 2001 había 46 e en 2021 contábanse 136. Segundo esta fonte, 1.873 das 30.377 entidades singulares de poboación galegas estaban completamente deshabitadas o ano pasado, 1.090 estaban habitadas por unha única persoa e 1.250 tiñan só dous veciños. Dado que estas cifras proceden dos padróns municipais de habitantes e moitas persoas seguen censadas nos seus lugares de orixe malia residiren noutro sitio, é probable que a realidade sexa aínda máis grave do que estes datos oficiais suxiren.

Péchanse as casas para sempre, ínzanse os camiños de silveiras, esboróanse os hórreos e as palleiras, caen os lousados e os tellados sen que ninguén poida oír o seu estrondo. Quen coida o territorio e o patrimonio cando non queda ninguén? O círculo vicioso do abandono torna boa parte do país nunha tabula rasa onde despregar facilmente grandes parques eólicos e plantacións forestais que se estenden ata o infinito e arden cada verán. A crecente concentración da poboación no eixo atlántico, máis dinámico e mellor dotado de servizos, déixanos unha Galiza cada vez máis desequilibrada e con boa parte do seu territorio sumido no abandono: terras de labranza sen cultivar, pastos transformados en eucaliptais, aldeas e lugares baleiros, bens patrimoniais en ruínas...

O despoboamento é un dos grandes desafíos da sociedade galega e debe ser afrontado con realismo, mais tamén con ambición

Galiza é cada vez máis urbana e os galegos somos cada vez máis urbanitas, tanto polos lugares que habitamos como polos comportamentos e patróns de consumo que adoptamos. Segundo a enquisa estrutural a fogares realizada polo IGE, en 1999 o 44,8% das vivendas galegas eran pisos ou apartamentos e en 2020 esta porcentaxe subira ata o 50,8%. Os datos do censo de poboación e vivendas de 2011 —os resultados do realizado en 2021 aínda non foron publicados— mostran que as vivendas baleiras e secundarias incluídas na categoría de vivendas non principais representan máis dun terzo do parque residencial de 40 das 53 comarcas galegas. A Terra de Caldelas, que como vimos encabeza o declive demográfico, tamén ten o parque residencial máis infrautilizado do país: só o 35% das súas vivendas se usaban como residencia habitual en 2011.

O despoboamento é un dos grandes desafíos da sociedade galega e debe ser afrontado con realismo, mais tamén con ambición. Entregar boa parte do territorio en sacrificio e desaproveitar unha riqueza agraria que nos deu de comer durante séculos non é racional nin é sostible. Cómpre unha estratexia que aborde de forma integral as cuestións do acceso á vivenda, da agricultura e a gandaría, da xestión do monte, da propiedade da terra, da ordenación do territorio, da oferta de emprego e da dotación de servizos para fixar e atraer poboación nas zonas menos dinámicas. Pretender resolver o despoboamento construíndo máis infraestruturas é inútil; as tres comarcas galegas que atravesa a A-8 teñen hoxe menos habitantes dos que tiñan en 2007, cando se inaugurou o primeiro tramo galego desta autovía.