Análise

Nin equidade, nin universalidade, nin cohesión do sistema de saúde

"Nun contexto de recortes e privatizacións, o proxecto de lei do Ministerio non garante o acceso universal á atención sanitaria", di Martín. (Ilustración: Álex Rozados)
Manuel Martín, médico de Familia, presidente da Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública e portavoz da Plataforma SOS Sanidade Pública, analiza para 'Nós Diario' a situación do sistema sanitario público na Galiza.

O Sistema Sanitario Público vén arrastrando numerosos problemas de funcionamento e viuse moi afectado polas políticas de privatización e recortes de recursos dos Gobernos central e autonómico, que afectan especialmente a Atención Primaria, cada vez máis medicalizada, depauperada e en risco de colapso; uns hospitais públicos a medio gas cunhas listas de espera cada vez máis grandes e inaceptables e uns servizos de saúde pública con apenas recursos para realizar o seu importante labor de vixilancia e loita contra epidemias como a Covid.

O sistema perdeu a súa universalidade e equidade tras o decreto do Goberno de Rajoy que excluíu da atención as persoas inmigrantes e incrementou de maneira importante os copagos.

O Ministerio de Sanidade anunciou unha reforma da lexislación sanitaria cun proxecto de lei destinado a garantir a equidade, universalidade e a cohesión do Sistema Nacional de Saúde. A realidade é que este proxecto, a pesar de que introduce algunhas melloras como a inclusión na carteira de servizos do sistema publico a saúde mental e os coidados paliativos, mantén os principais problemas relacionados coa privatización e a equidade.

—Non se derroga a Lei 15/97 nin se blinda a provisión e xestión pública dos centros sanitarios do sistema, mantendo así a posibilidade de novas privatizacións. Permítense privatizacións en situacións "excepcionais" sen fixar os criterios concretos para estas nin establecer un sistema para controlalas, mantendo a posibilidade de que as CCAA gobernadas por partidos neoliberais utilicen estas "portas entreabertas" para continuar coa privatización do sistema sanitario.

En Valencia, Madrid, Galicia, etc, privatizáronse os novos hospitais cun elevado custo, polo que o gasto sanitario privado pasou do 24,6% do gasto total ao 29,2% e o orzamento para a sanidade pública reduciuse do 6,78% do PIB en 2009 ao 6,42% en 2019. As reversións dos hospitais de Alzira e Torrevieja na Comunidade Valencia e das Resonancia Magnéticas no mesmo territorio, foron acompañadas dunha enorme resistencia e trampas das concesionarias.

—Mantén e mesmo potencia a existencia do modelo Muface de aseguramento paralelo e maioritariamente en mans das Mutualidades de funcionarios, que rompe a equidade e supón unha subvención descarada do sector privado con diñeiro público. O Ministerio de Facenda e Función Pública autorizou 3.521,7 millóns de euros para que a Mutualidade Xeral de Funcionarios Civís do Estado para renovar os concertos coas aseguradoras privadas de saúde durante o período 2022-2024.

A proposta de Facenda expón un aumento paulatino das primas que reciben, que serán do 8% en 2022, do 8,75% en 2023 e do 10% en 2024. Os novos concertos con Muface incorporan servizos que non están contemplados na carteira común do sistema, como 20 sesións de psicoterapia anuais, seis consultas anuais de podoloxía, prestacións en saúde bucodental ou cuarto individual con baño ou ducha e cama de acompañante nos ingresos hospitalarios. A pesar diso, máis de 10.000 funcionarios deixan Muface para ir á pública, na súa maior parte pacientes con enfermidades graves e persoas maiores con patoloxías custosas e complexas de tratar.

O proxecto de lei deixa fóra da carteira do sistema a saúde sexual, a saúde reprodutiva e o dereito á eutanasia

—Diminúe aínda que non acaba cos copagos, o que supón manter un mecanismo de financiamento que penaliza as persoas máis enfermas e/ou con menos recursos económicos.

—Non garante a universalidade da atención sanitaria, ao deixar fóra a todas as persoas que non teñen regularizada a súa situación, mantendo trabas administrativas como o informe preceptivo previo favorable que acredite a vontade de residir no Estado, emitido polos servizos sociais das Comunidades Autónomas, que en moitos casos son pouco proclives ao mesmo.

—Deixa fóra da carteira do sistema a saúde sexual, saúde reprodutiva e o dereito á eutanasia que non está a ser aplicado por algunhas comunidades autónomas con gobernos conservadores.

É necesario, por tanto, que o debate parlamentario do proxecto de lei recolla, entre outras medidas:

—A abolición Lei 15/97 de novas formas de xestión que abriu a porta ás privatizacións de hospitais e centros de saúde e as excepcionalidades para as mesmas.

—Acabar co modelo Muface incorporando o persoal funcionario ao sistema publico.

—Suprimir os copagamentos sanitarios.

—Incorporar ao sistema todas as persoas que residan no Estado sen necesidade de trámites de difícil cumprimento.

—Incluír na carteira de servizos do SNS a saúde sexual e reprodutiva e mais o dereito á eutanasia.

Está en xogo o futuro do Sistema Sanitario Público, moi debilitado polas políticas de recortes e privatizacións dos últimos anos.