Nieves Cabo, a primeira galega en ser vacinada, recibirá agora a terceira dose

Nieves Cabo recibirá a terceira dose da vacina contra a Covid-19 (Foto: Xunta da Galiza).

Era 27 de decembro de 2020, ano que pasará á historia polo impacto da pandemia en todo o mundo, cando Nieves Cabo se converteu na primeira galega en recibir unha dose da vacina contra o coronavirus. Agora, este 21 de setembro, recibirá a terceira dose de Pfizer que o Sergas comezará a administrar ás e aos usuarios de residencias de maiores

Con 82 anos Nieves Cabo foi a primeira persoa en ser vacinada na Galiza contra a Covid-19. Aconteceu o pasado 27 de decembro de 2020. Agora, esta terza feira, 21 de setembro, Cabo recibirá a terceira dose da vacina (de Pfizer), a dose 'extra' que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) comezará a administrar ás e aos usuarios de residencias de maiores como parte do colectivo 'vulnerábel' en que se centrarán os reforzos inmunolóxicos contra a Covid-19.

Fontes do Goberno galego confirmaron que está prevista a picada para as 10 horas desta terza feira, na residencia Porta do Camiño, en Santiago de Compostela, onde xa recibiu as dúas doses da vacina en plena terceira onda do coronavirus.

A propia Xuna avanzou este 21 de setembro o inicio inminente da administración das terceiras doses, que estarán centradas no colectivo de maiores e nas persoas con algunhas patoloxías previas, como as transplantadas.

Será nunha xornada, a desta terza, en que o comité clínico que asesora a Xunta na toma de decisións da pandemia volverá reunirse para avaliar os fitos da vacinación, que na Galiza sitúan en 90% a poboación albo inmunizada, e para avanzar no documento que rexerá este outono e inverno.

Tamén en días pasados o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feizoo, mostrou as súas cautelas ante a época do ano na que se producen máis enfermidades respiratorias, pola meteoroloxía propia do outono e inverno con temperaturas máis baixas. Por tanto, advertiu de que hai que adecuar as posíbeis afeccións propias da época a un novo escenario da Covid-19 en que o virus permanece aínda con máis de 2.000 casos activos polo momento na Galiza, mais cuns índices de inmunización elevados.

Entre outras cuestións queda por resolver se se 'rescata' o uso do certificado Covid-19, avalado agora polo Tribunal Supremo, para determinadas actividades ou situacións epidemiolóxicas.

A Xunta é partidaria de empregar o certificado Covid-19 para acceder a determinadas actividades e expono para a recuperación do lecer nocturno. Neste sentido, hostaleiros apostaron pola súa implantación para poder recuperar máis a súa actividade.

Todo iso, despois da primeira fin de semana de aplicación dos dous niveis na hostalaría, en que o grao de medidas implantadas determinan as capacidades e a posibilidade de abrir ou non as barras dos bares, iso si, de momento de uso unipersoal ou cun máximo de dúas persoas sempre que sexan conviventes.