Nicanor, multado por se opor ao despexo de Aurelia: “Os desafiuzamentos non teñen sentido”

Imaxes: Marea Atlántica

O activista, de 76 anos, foi sancionado con 600 euros de multa por "alteración orde pública". Varias ducias de persoas concentráronse para apoialo perante o xulgado do concencioso. O seu avogado fala de "ambigüidade" do atestado policial.

Varias ducias de persoas tomaron parte nunha concentración en apoio Nicanor Acosta, activista de 74 anos de idade multado con 600 euros por protestar contra o despexo de Aurelia Rey en febreiro de 2013. Entre as persoas presentes na mobilización de apoio convocadas por plataformas de Stop Despexos estaban representantes de BNG, Anova, Marea Atlántica, IU, Podemos, así como o bombeiro Roberto Rivas (sancionado por se negar a facilitar o despexo de Aurelia). O Avogado do Estado considera Nicanor como responsábel dun delito de "alteración da orde pública" por facer, durante aquel despexo, "instigacións á desobediencia á autoridade".

Acosta, ás portas do xulgado do contencioso, nos edificios Proa,  e en declaracións recollidas por Europa Press, cualificou de “inxusta” a sanción que se impuxo, lembrando que a súa non é a única, pois hai máis multados por se opor a aquel desafiuzamento. Reiterou que os despexos “non teñen sentido, e menos o dunha anciá”. O seu avogado, Antonio Vázquez, explicou que a vista desta segunda feira debíase ao recurso que Nicanor presentara contra a súa sanción. Entre as alegacións da defensa á multa está a “ambigüidade” do atestado policial e a falla de concreción de dados.