A neve dificulta a circulación en varias estradas do interior

Neve na serra do Xistral, a 23 de febreiro de 2023, en Abadín. (Foto: Europa Press)
A partir da segunda feira comezará o tempo seco, mais moi xélido. 

As nevadas caídas nas últimas horas na Galiza condicionan a circulación en varias estradas do leste do país, onde a cota de neve se sitúa este sábado nos 800 metros.

Así, a Dirección Xeral de Tráfico mantén en aviso as autovías A-8 no alto de O Fiouco, entre os municipios de Mondoñedo e Abadín, e a A-52 nas zonas de montaña de Ourense pola presenza de neve sobre o firme.

 

 

As máquinas quitaneves tamén traballan en varios puntos das estradas OU-531 -en Rairiz de Veiga e A Bola-, a OU-540 -Verea e Bande- e a OU-536 -Maceda, Xunqueira de Espadañedo, Montederramo, Castro Caldelas, San Xoán de Río e Trives.

A montaña de Ourense rexistra tamén as temperaturas máis baixas da xornada na Galiza, con mínimas que superaron os 5 graos baixo cero na Veiga ou Cabeza de Manzaneda.

A Galiza estará este sábado nunha situación intermedia entre altas e baixas presións. Haberá chuvascos máis frecuentes nas primeiras horas, que irán diminuíndo co avance do día. 

O domingo recuperarase a influencia anticiclónica con alternancia de nubes e claros con posibilidade de chuvascos ocasionais no cantábrico pola maña. A partir da segunda feira comezará o tempo seco, mais moi xélido.