A neve complica a circulación en varias estradas do leste da Galiza

Quitaneves en Folgoso do Courel foto da deputación
Máis de 100 estradas dunha vintena de concellos

A Deputación de Lugo mantén despregado un dispositivo invernal de 96 operarios e 48 máquinas ante o temporal de neve e xeo que afecta a toda a provincia, con fortes nevadas a partir dos 600 metros de altitude e que complica a circulación en varios puntos.

En concreto, o dispositivo traballa desde primeira hora de hoxe en máis de 100 estradas que discorren por 20 concellos : Baleira, Becerreá, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, Cervantes, O Incio, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Quiroga, Ribas de Sil, Samos, Triacastela, Muras, Vilalba, Ourol, Taboada, A Pontenova e Mondoñedo.

Nas vías destes concellos transítase con dificultade polas intensas nevadas das últimas horas, que chegaron a provocar espesores de entre 10 e 20 centímetros, ademais de placas de xeo.

Do mesmo modo, continúan os traballos para despexar a estrada a O Piornedo, a LU-P-3505, que sufriu o pasado venres, día 1 de xaneiro, un desprendemento, e que permanece cortada. A previsión é que a estrada estea aberta á circulación para a próxima semana, a condición de que as condicións meteorolóxicas así o permitan.

Ademais das vías provinciais, a neve esixe circular con precaución noutras estradas da rede nacional, como a LU-540 ao seu paso por Muras, a AG-64 e a N-634 en Vilalba, a A-8 entre Mondoñedo e Abadín e a LU-633 en Pedrafita. En todos os casos o nivel é verde, pero pídese precaución.

Pola contra, continúa cortada por meteoroloxía adversa a OU-122 na aldea de Casaio, no concello de Carballeda de Valdeorras, que é intransitábel en ambos os sentidos.