A neta dunha paciente de 90 anos en estado grave e que pasou varias horas sen ser atendida no CHUS: “É intolerábel ao que estamos chegando”

(Imaxe: Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS)

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denuncia novos colapsos en Urxencias. Afirman que esta segunda feira 23 pacientes graves estaban colocados no corredor central e colindantes en padiolas e cadeiras de rodas agardado horas a ser atendidos. Vídeo no interior.

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS (Hospital Clínoco e Universitario de Santiago) denuncia, unha vez máis a situación de colapso que se vive no servizo de Urxencias do complexo hospitalario da capital galega.

“A urxencias do CHUS estiveron colapsadas os días 14 e 15 de marzo, con decenas de pacientes que acoden a elas en demanda de atención aparcados nos corredores con colas que saían pola porta de entrada do servizo. E a situación volveuse a repetir o día 18 de marzo (segunda feira). Ás 15 horas, 53 pacientes co ingreso asinado agardaban por unha cama en planta ocupando as zonas de traballo. Como consecuencia disto 23 pacientes graves estaban colocados no corredor central e colindantes en padiolas e cadeiras de rodas agardado horas a ser atendidos”. 

Unha mostra do “calvario” que padecen os pacientes nestas condicións é, indica esta asociación, o testemuño de M.E. neta e acompañante dunha paciente de 90 anos en estado grave que o día 18 de marzo ás 17:30 horas foi colocada no corredor de acceso do servizo e ás 21:38 horas aínda permanecía nel sen ser atendida. Manifesta a súa desolación e indignación afirmando literalmente, “Paréceme intolerábel o limite ao que estamos chegando no mais importante dunha sociedade, a Sanidade. Ao igual que a miña miña avoa están centos de pacientes”.

 

A Asociación subliña que “fronte aos discursos e relatos oficiais que afirman que a situación de colapso das urxencias é de orixe estacional”, a realidade “baseada nos feitos indican que a causa radica na ineficiente xestión das camas dispoñíbeis e na contumaz persistencia en converter os servizos de urxencias nun aparcamento de pacientes a pesar de que con iso estanse vulnerando os principios reitores de uso racional dos recursos do sistema, de calidade mellora continuada dos servizos, e de atención personalizada e humanizada recollidos no artigo 32 da Lei de Saúde de Galiza”.

Mentres a xerencia e o Sergas se negue a pór as camas a disposición, afirman, cando así o estabelecen os facultativos do servizo, “os pacientes seguiremos sendo vítimas da vulneración do noso dereito fundamental a intimidade e a dignidade recollido no artigo 4 da citada Lei”.

Segundo os datos publicados na páxina web do hospital en “Pulso do CHUS”, nas últimas 24 horas foron atendidas 551 persoas, e o nivel de ocupación das camas foi do 62%  (933) sobre un total de 1511 dispoñíbeis.

Existe un excedente de 578 camas, afirma este colectivo, que na práctica permaneceron pechadas mentres non se doten de persoal sanitario para ser ocupadas. “A isto hai que engadir as plantas do Hospital Gil Casares con obras paralizadas durante meses que manteñen pechadas mais de 70 camas”.

O sistema de Atención Primaria desta área sanitaria segue rexistrando centros de saúde que acumulan demoras nas consultas presencias por unha doenza nova ou por atención a pacientes crónicos. “O pasado día 6 de marzo detecáronse as seguintes demoras nos seguintes centros de saúde: Concepción Arenal (Compostela) : 9 días, Centro de Saúde de Padrón: 12 días, Centro de Saúde de Rianxo: 14 días, Centro de Saúde de Fontiñas (Compostela): 7 días”.