Nerea Fernández é traballadora social

Nerea Fernández ante o 25-N: "Temos recursos e son bos, pero a coordinación non é eficaz para as mulleres"

Mural realizado por internas da prisión da Lama contra a violencia de xénero. (Foto: Institucións Penitenciarias)
Só 8% das mulleres que sufriron violencia sexual fóra da parella denuncian, lembran desde o Colexio Oficial de Traballo Social da Galiza. As que non se atreven fano por medo, indefensión e vergoña. Con motivo do 25-N a entidade reclama formación e reflexión, ademais de reivindicar o papel do acompañamento e do apoio social.

Intervención, acompañamento e prevención. Deconstruírnos para construír mellor. As traballadoras sociais da Galiza inician a semana do 25-N coa mirada posta no labor de apoio social a vítimas da violencia machista e da violencia sexual, mais tamén no desenvolvemento real dunha educación para a igualdade que transcenda "os discursos". Máis aló da intención ten que se dar unha "educación afectiva transversal e cargada de referentes que permita un cambio social efectivo", salienta a Nós Diario Nerea Fernández, coordinadora do Colexio Oficial de Traballo Social da Galiza. Un cambio nos roles, na linguaxe e nas relacións propias da "sociedade patriarcal que buscamos desterrar". 

Nerea Fernández chama a "deconstruír para educar", un exercicio que debe ser íntimo antes de volverse colectivo. "Temos que ollar cara a nós mesmas antes de mirar cara afora". Só desde esta observación cara adentro, advirte, poderemos contribuír á construción dunha sociedade distinta, que non perpetúe os roles de xénero do sistema patriarcal.

Neste sentido reivindica o papel das escolas, e dentro delas, a figura do traballo social, pendente de se consolidar. Fóra do  ensino, actúa desde os servizos sociais municipais, desde algúns centros sanitarios da rede pública e tamén desde o Centros de Información á Muller, onde, malia a todo, aínda non son unha figura obrigatoria como acontece coas xurista e as profesionais da psicoloxía.

Acompañamento social

Desde hai dous anos, o traballo social está presente nas Oficinas de Atención ás Vítimas de Violencia das sete cidades principais da Galiza e en todos os partidos xudiciais a través da quenda de garda social, un servizo de acompañamento social especializado dirixidos a mulleres e persoas menores ao seu cargo en situación de urxencia en caso de violencia de xénero ou delito sexual.

Nerea Fernández coordina a quenda de garda de traballo social en violencia de xénero. "O que facemos é prestar unha intervención especializada inmediata tanto en sede policial como xudicial, as 24 horas do días os 365 días do anos".

Os encargados de activar este acompañamento son os corpos de seguridade do Estado, os xulgados de violencia de xénero e os de garda a través do teléfono de información á muller da Galiza 900 400 273, sempre co consentimento previo da muller que atravesa "unha situación de crise".

"O que facemos é unha intervención real que consiste en mobilizar os recursos propios da persoa acompañada. O que facemos é coller a súa voz, escoitar cal é a situación, cales son os seus desexos e as súas necesidades para dispor eses recursos cos que conta".

Os delitos contra a liberdade sexual creceron en todo o Estado 27%

O primeiro apoio emocional. "É preciso crear un espazo de sostén que lle axude a entender o que está ocorrendo. A partir de aí ofrecemos un apoio máis tanxíbel, tras valorar a autonomía económica da persoa, a súa situación familiar e laboral, a cultura á que pertence, se existen factores de risco asociados, para atender canto antes as primeiras necesidades nese momento de crise".

O traballo social xestiona a información esencial arredor do proceso que se abre para unha muller vítima da violencia en pleno estado de ansiedade. "A información que damos busca ser curadora. A maioría das mulleres necesita saber que vai pasar mañá, que procedementos médicos e legais lle quedan por afrontar, que recursos habitacionais ten á súa disposición ou quen vai coidar dos fillos".

As funcións do apoio social, conclúe Nerea Fernández, son de carácter instrumental, emocional e informativo no marco dunha demanda que require maior organización. "Hai moitos recursos e son bos, pero a coordinación non é eficaz. Temos as mulleres dun lado para outro, dando tombos, e non é eficiente".

Violencia sexual

A quenda de garda social en violencia de xénero advirte dun incremento das agresións sexuais que casa co último informe de criminalidade do Ministerio de Interior. Segundo recolle, os delitos sexuais creceron en todo o Estado 27%. Entre xaneiro e setembro de 2021 na Galiza rexistráronse 521 delitos contra a liberdade e a indemnidade sexual, 28,3% máis que no mesmo período do ano pasado, e 61 agresións sexuais con penetración fronte as 46 de 2002, un 32,6% máis. "E a maioría das mulleres que acoden a comisaría non denuncian", sinala Fernández, quen reclama "espazos menos hostís" e maior formación contra "o maltrato que sofren as mulleres durante os interrogatorios".

E lembran, "os motivos para non denunciar son a vergoña, a indefensión e o medo nun 40,3% das vítimas que sufriron unha violación". Ademais, 27,7% das mulleres que sufriron violencia sexual fóra da parella tiveron pensamentos de suicidio nalgún momento.

Ti fas ou desfás?

O grupo de Traballo Social e Feminismos As Sementeiras, do Colexio Oficial de Traballo Social da Galiza vén de lanzar a campaña 'Ti fas ou desfas?' unha fiestra aberta á "deconstrución" do machismo en primeira persoa. Neste caso, os protagonistas son homes convidados "a pensar e a comentar en voz alta as actitudes machistas que recoñecen nas súas vidas. Moitos caen na conta no momento de gravar os microvídeos que xa circulan polas redes socias e outros xa foron conscientes antes, un paso necesario para poder cambiar".

Porque as crenzas e os comportamentos que describen, e que son compartidos por moitas outras persoas "non son estáticas", sinala Noelia Fernández Ventureira, integrante das Sementeiras, un grupo aberto ao tecido asociativo, ás institucións e á cidadanía para construír o feminismo por xunto, libre de machismos e de prexuízos de xénero.