SEMENTAR, SEMENTAREI

Nen@s de Carballo porán a funcionar para o curso unha cooperativa e dúas "pequefeiras"

Cativ@s de infantil e primaria aprenderán a coñecer, respectar e, sobre todo, divertirse co medio ambiente no horto ecolóxico carballés. Cinco obradoiros de balde comezan esta semana nun proxecto pioneiro, que terá continuidade para o curso que vén, coa creación dunha cooperativa e a posta en funcionamento de dúas pequefeiras anuais.

As crianzas encherán de vida o horto ecolóxico de Carballo a partir desta semana. Catro obradoiros dirixidos a alumnado de Primaria, e un para pequerrechiñ@s de dous a cinco anos, inician a súa andaina, de balde, nesta segunda quincena de maio. Serán sobre  xardín ornamental, o cultivo no horto e a utilización da compostaxe, este último impartido pola asociación ecoloxista Adega. Ademais, a asociación Senda Nova correrá a cargo da "Pequehorta", a actividade dirixida a alumnado de infantil, e do Obradoiro de Observación e Convivencia, para Primaria.

Os cativiños aprenderán a sentir emoción de ver o abrollar dunha semente, de tocar  a terra morna, de escoitar e vixotar a natureza, de cultivar o propio xardín ou o  horto, de aprender a compostar e a reutilizar…, e aínda máis. O horto ecolóxico concíbese como un espazo para a cooperación, para a sostibilidade,  para a relación interxeracional e para integración, no que poidan participar nenos e nenas con necesidades específicas. De maneira transversal aprenderán sobre hábitos e alimentación saudable, e sobre cuestións como a importancia do mercado de proximidade ou da 

economía labrega tradicional.

Proxecto de futuro

A iniciativa, impulsada pola Concellaría de Promoción Económica, quere ir aínda máis aló. Para o vindeiro curso, @s cativiñ@s crearán unha cooperativa cos produtos que cultiven e celebrarán dúas pequefeiras,  nas que os venderán. Aprenderán mesmo a xestionar o diñeiro, a controlar os gastos, a amortirzar os costes, a solicitar permisos e mesmo a reutilizar o diñeiro obtido para avanzar no proxecto. Os nenos e as nenas entrarán en contacto coa terra e co campo como modo de vida, sempre de maneira lúdica e divertida, e ao mesmo tempo sementando neles o espíritu  de iniciativa, de emprendemento, de cooperación e de xestión.