O Porriño lembra o menor falecido após quedar esquecido nun coche e un xulgado abre dilixencias

Multitudinario minuto de silencio no Porriño. (Foto: Europa Press)
Os feitos ocorreron na tarde desta quinta feira, no aparcadoiro dunha empresa en Torneiros, onde a nai tería esquecido a crianza, de tres anos.

Decenas de persoas gardaron esta sexta feira un minuto de silencio ás portas do Concello do Porriño (comarca de Vigo) en lembranza do menor que faleceu na quinta após quedar esquecido durante horas no interior dun vehículo. A concentración silenciosa estivo presidida polo alcalde, Manuel Alejandro Lorenzo, e outros membros de corporación, e tamén se sumaron á homenaxe decenas de veciños, que concluíron o acto cun aplauso.

O rexedor do Porriño trasladou unha mensaxe de dor e consternación en recordo do neno, de 3 anos de idade, así como o apoio e agarimo á súa familia. O Concello decretou tres días de loito oficial, e as súas bandeiras xa ondean a media hasta.

Por outra parte, acordouse suspender as festas de Porrigalia, previstas para esta fin de semana, e tamén se suspendeu o pleno convocado para esta sexta feira para a aprobación dos orzamentos municipais. A sesión estaba fixada para as 9 horas mais, após o minuto de silencio por parte dos seus integrantes, foi suspendida.

Dilixencias xudiciais

Mentres, o Xulgado de instrución número 1 do Porriño incoou dilixencias polo sucedido, malia que non se ordenou a práctica de ningunha proba porque non recibiu aínda o informe da Policía Xudicial da Garda Civil, segundo informaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza. En todo caso, é previsíbel que a nai do menor, que foi quen supostamente esqueceu o neno no vehículo, non preste declaración ante os investigadores até dentro duns días, dado o estado de shock no que se atopa.

Os feitos ocorreron na tarde desta quinta feira, no aparcadoiro dunha empresa en Torneiros. Un particular contactou co 112 solicitando asistencia sanitaria para un neno e desde Emerxencias informouse o 061, Garda Civil e Policía Local do Porriño, e tamén se mobilizou o Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (Gipce). Os servizos médicos só puideron certificar o falecemento e a Garda Civil sinalou que, a falta de autopsia, todo apunta a unha morte por golpe de calor.

Fontes próximas ao caso citadas pola axencia Europa Press apuntan a que, segundo os indicios achados, a nai do pequeno despistouse e dirixiuse ao seu posto de traballo sen deixar o neno no centro onde debían coidalo. Cando o pai acudiu pola tarde a buscar o pequeno ao citado lugar, saltaron as alarmas.