Nemiña e Coviña volven a casa tras a súa recuperación no Instituto de Formación en Acuicultura

As tartarugas Nemiña e Coviña volven ao seu medio natural (Foto: Xunta da Galiza).

As tartarugas Nemiña e Coviña contaron coa participación voluntaria do alumnado e demais persoal do instituto da Illa de Arousa para a súa recuperación

As tartarugas Nemiña e Coviña volveron ao seu medio natural tras completar a súa recuperación no Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa) que se atopa na Illa de Arousa.

Segundo explican nun comunicado, as tartarugas foron embarcadas no porto de Vilaxoán en Vilagarcía de Arousa (comarca do Salnés) para a súa posterior liberación e regreso ás augas do Caribe.

Relatan que Nemiña chegou ao Igafa a finais de 2022 tras ser localizada na praia de Muxía do mesmo nome, enredada nunha maraña de cabos, e Coviña foi capturada por un barco de pesca fronte ao cabo Prior e estivo no instituto desde finais de febreiro.

Ambas as dúas superaron a primeira fase da súa recuperación na UCI que a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) ten en Nigrán, dentro da súa estrutura da Rede de Varamentos da Galiza.

Posteriormente foron trasladadas á piscina mariña do Igafa para completar a segunda e última fase da súa recuperación.

Voluntarias e voluntarios

O coidado destes animais contou coa participación voluntaria do alumnado e demais persoal do instituto da Illa de Arousa.

Tras varias semanas de coidados no centro e, unha vez constatada a evolución favorable dos dous exemplares, ambas recibiron o alta por parte do equipo veterinario da Cemma e foron liberadas desde a patrulleira Punta Roncadoira, do Servizo de Gardacostas da Galiza.