‘Nelson’, a borrasca que deixará Galiza en alerta laranxa nesta Semana Santa

Ondas no litoral do concello de Oia (comarca do Baixo Miño). (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press)

Zonas de montaña e do interior rexistraron temperaturas por baixo dos -5 ºC, con nevadas puntuais

A Galiza continuará esta cuarta feira cunha alerta laranxa activada en todo o seu litoral por temporal, á que se sumarán avisos amarelos por todo o territorio por ventos que poderían alcanzar os 80 quilómetros por hora polo paso da borrasca Nelson.

Segundo as predicións da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), a alerta de nivel laranxa vixente desde esta terza feira prolongarase nas próximas xornadas da Semana Santa e afectará tamén a comarca da Mariña. Até o momento, só estaba activada no litoral occidental.

Así, espérase que esta cuarta feira poida haber mar combinado do oeste e do noroeste, con ondas de até sete metros, e ventos de forza 7 ou 8. Ademais, todo o territorio galego terá un aviso amarelo a partir das 9 horas por fortes refachos de vento, que chegarían até os 70 ou 80 quilómetros por hora, en función da zona.

Aínda que se prevén choivas, as precipitacións non activarían ningún aviso na Galiza en relación con acumulacións de precipitacións que si haberá noutras zonas da península.

Para o Quinta feira Santa, a situación no mar manterase con esa alerta laranxa por temporal, aínda que en terra non se prevé ningunha situación adversa en relación co vento. Con todo, para esta xornada festiva, a Aemet si activará un aviso amarelo por precipitacións nas comarcas do Deza, Terra de Montes e A Paradanta, así como nos concellos de Campo Lameiro, Cotobade e A Lama (comarca de Pontevedra) e Fornelos de Montes (comarca de Vigo).

Temperaturas baixo cero

Galiza atravesa esta semana Santa unha situación de tempo inestábel que está a deixar temperaturas máis baixas do habitual para ser finais dun mes de marzo e o comezo da primavera.

De feito, segundo os valores rexistrados por Meteogaliza, zonas do interior e da montaña notificaron temperaturas inferiores aos 5 graos baixo cero. É o caso do municipio da Veiga (comarca de Valdeorras), onde a estación de Xares rexistrou -7,7 graos pasadas as 4 da madrugada. Sobre esa hora, Cabeza de Manzaneda (Terra de Trives) notificou -6,9 graos e, pouco antes, había -6,1 en Lardeira, Carballeda de Valdeorras.