A enfermería galega ergue un "Nunca Máis" contra a precariedade

FB: Enfermeiras eventuais en loita

As oposicións do Sergas deste domingo en Silleda teñen unha cor inesperada: o negro. De loito de denuncia do encadeamento de contratos de curta duración, da inestabilidade, da precariedade, da sobrecarga... Unhas reivindicacións e demandas que o movemento Enfermeiras eventuais en loita foi quen de estender por todo o país nestas semanas.

Este domingo, 8.734 persoas acuden a un concurso oposición no que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) oferta 372 prazas de turno libre. Unha cita para a cal a plataforma Enfermeiras eventuais en loita fixo un chamado: vestir de negro, de loito, para denunciar a situación de precariedade na que traballa e vive este colectivo profesional, a #OPEnegra. Son o colectivo sanitario máis numeroso.

 

Nas últimas horas as redes sociais inzáronse de imaxes e mensaxes de apoio e ánimo ás opositoras por parte de compañeiras, volvendo emerxer a bandeira do Nunca Máis, desta volta contra a precariedade.  Denuncian a “precariedade laboral que afecta cada vez a máis traballadoras” deste colectivo, así como á propia “calidade asistencial”: inestabilidade laboral, eventualidade e temporalidade, imposibilidade de gozar do dereito a vacacións...

 

A campaña iniciada por este colectivo xa logrou facerse viral. Nela participan non poucos rostros coñecidos da política, a cultura ou a sociedade galega. Desde o actor Luis Tosar até o cociñeiro Pepe Solla, desde o xornalista Gonzo até políticos como Ana Pontón, Yolanda Díaz, Abel Losada ou Xulio Ferreiro. Até a orquestra París de Noia ou o conxunto Dakidarría se animaron a gravar pequenos vídeo de apoio ás demandas. Todos eles poden verse no Facebook do colectivo.