Sanidade

O Defensor do Paciente alerta: cada semana denúncianse 12 neglixencias médicas na Galiza

Corredor de Urxencias dun hospital. (Foto: Europa Press)
Os servizos de Urxencias acumulan unha parte significativa das denuncias por mor do insuficiente número de camas, os pacientes amoreados por falta de espazo ou varias horas de espera até recibir asistencia.

O Defensor do Paciente recibiu un total de 12.071 casos de presuntas neglixencias médico-sanitarias no conxunto do Estado español o pasado ano —1.540 menos que en 2022—, dos cales 602 foron con resultado de morte, o que supón 97 menos que en 2022. Os casos máis habituais producíronse por mala praxe: intervencións mal realizadas, altas precipitadas, atención deficiente, infeccións hospitalarias, atrasos en ambulancias, etc. Pero a principal razón débese ao erro de diagnóstico e a perda de oportunidade terapéutica. Por tanto, ao longo do ano reclamáronse 33 casos ao día de mala praxe médica.

Galiza é o sexto territorio do Estado con máis denuncias por neglixencia médica, con 651 casos; ou, o que é o mesmo, case dúas denuncias ao día. Á cabeza fica Madrid, con 3.118 casos, seguido de Andalucía —2.289 casos—, Catalunya —1.406 casos—, País Valencià —846 casos—, Castela e León —714—, Galiza —651—, Castela-A Mancha —638—, Euskadi —410—, Murcia —403— e Aragón —331 —.

Desagregando por especialidade e proceso, recibíronse un total de 286 casos de persoas en todo o Estado que se someteron a unha intervención de cirurxía plástica, reparadora e estética con resultado insatisfactorio, 47 casos menos que o ano pasado. Desde o Defensor do Paciente, piden estudar a fórmula para que, antes de levar a cabo unha intervención de cirurxía estética, exista unha coordinación entre o servizo de cirurxía plástica e o servizo de saúde mental, co obxecto de avaliar e así descartar a persoas con algún trastorno deste tipo mediante un estudo psicolóxico.

"Sería conveniente regularizar que todos os especialistas de cirurxía estética recibisen unha formación concreta para capacitarlles para efectuar unha avaliación dos pacientes que atenden e queren someterse a unha operación", defenderon desde a asociación.

Por outra parte, 105 bebés naceron con algunha discapacidade relacionada con partos levados de forma inadecuada ou con fórceps, causando secuelas como sufrimento fetal, parálise cerebral ou braquial, etc. Iso supón 38 casos menos respecto ao ano anterior. "O peor deste apartado é que, en numerosos destes casos, os xinecólogos non informan os pais durante o embarazo das malformacións do feto e logo moitos bebés falecen ás poucas horas de nacer por ser incompatíbeis coa vida", lamentaron desde o Defensor do Paciente.

Tamén se contabilizaron 22 falecidos en casos nos que, tras avisar ao 112, ou ben non se enviou unha ambulancia ao domicilio para trasladar o enfermo a un hospital, ou ben neses casos a resposta foi tardía, con máis dunha hora de atraso. Así mesmo, 26 pacientes faleceron por infección hospitalaria debido a que o hospital non cumpriu as medidas de asepsia necesarias. "Este é un número ínfimo ao real, xa que en España ao ano falecen máis persoas por infeccións hospitalarias que por accidentes de tráfico", aclararon desde a organización.

Aliás, denunciáronse un total de 101 casos de estado de discapacidade en pacientes despois de intervención cirúrxica, quedando en estado de tetraplexia ou paraplexia. Este dato supón 26 casos menos contabilizados con respecto a 2022. Ademais, a asociación recibiu 79 denuncias de afectadas por depilación láser. "Este é un dato para ter moi en conta, pois é unha técnica que durante os últimos anos incrementou a súa práctica dentro das cadeas de estética", alertan desde o Defensor.

Algunhas delas utilizan láseres que "non son de boa calidade". "Ademais, o persoal que realiza estes tratamentos, en moitos casos non son médicos, e, por tanto, non están cualificados para ese efecto", recóllese no informe, onde se reclama que o Mninisterio de Sanidade realice "controis estritos" e conceptúe "unha normativa de obrigado cumprimento" respecto diso. Pola contra, seguirá habendo "persoas que sofren queimaduras importantes".

Tamén se denunciaron un total de 25 casos de contaxiados por hepatite C, unha cifra "lixeiramente inferior" á do ano anterior, con sete casos menos. A maioría veñen orixinados por trasfusiones de sangue en intervencións.

Por outra parte, un total de 216 persoas aseguraron ser dadas de alta sen estar "en condicións óptimas" de poder ir traballar. "A falta de coordinación entre o sistema contractual e o sistema protector na Seguridade Social está a xerar un grave desaxuste, con terríbeis consecuencias para o traballador", alertaron desde a asociación.

Mala praxe en Urxencias

Unha das áreas que máis denuncias acumula en todas as comunidades autónomas é a dos servizos de Urxencias. De feito, o informe enumera os dez hospitais dos que máis reclamacións recibíronse "por unha xestión deficiente, nos que os persoais dos seus profesionais atópanse nunha situación de continuo malestar, estrés e esgotamento". Son servizos con deficiencias similares durante repetidas etapas do ano: pacientes amoreados por falta de espazo, insuficiente número de camas, varias horas de espera até recibir asistencia ou colapso, cuestións das que na Galiza veñen advertindo diversas asociacións de pacientes.

Por orde decrecente, aqueles que contan con máis denuncias polos seus servizos de Urxencias son: Hospital Universitario de La Paz (Madrid); Complexo Hospitalario Universitario Insular (Las Palmas de Gran Canaria); Hospital Universitario Miguel Servet (Zaragoza); Hospital Universitario de Toledo; Hospital Clínico Universitario de València; Complexo Hospitalario Universitario da Coruña-CHUAC; Hospital Universitari Son Espases (Palma de Mallorca); Hospitalario Universitario de Canarias-HUC; Complexo Hospitalario Rexional Virgen del Rocío (Sevilla), e Hospital Universitari Vall d'Hebron (Barcelona).

Listas de agarda

Outro motivo que acumula un gran número de denuncias son as listas de espera. "As demoras en calquera tipo de servizo son o principal motivo de queixa e en saúde supoñen un drama para centos de miles de persoas. Son sinónimo de inxustiza e inequidade", apuntou o Defensor do Paciente. "Esperar a que nos vexa un especialista, que nos realicen unha proba diagnóstica ou que nos practiquen unha cirurxía converteuse un máster de paciencia. Desde que nos ve o médico de familia ata a intervención poden transcorrer dous anos tranquilamente", lamentaron.

Así, a asociación denuncia que o reconto das listas de espera é "totalmente irreal", xa que, para a súa correcta interpretación, "debería ser a suma do tempo desde que o afectado vai a primeira consulta e opéranlle". "Que a Comunidade de Madrid venda que o tempo medio de espera cirúrxica sexan 45 días é ir contra a intelixencia dos seus cidadáns. Pola contra, que Canarias teña 153 é un rotundo fracaso. Esta é a demostración de que non existe rigor, pois ambas fan o cálculo de maneira distinta", detallaron.