Negar un millón a Preescolar na Casa, regalar tres a escolas da Igrexa

Xuntanza de Preescolar na Casa
A última bocanada de aire da Fundación Preescolar na Casa bateu contra a maioría do PP, que tombou a tramitación da ILP en que se pedía a súa continuación. Após obrigalo a cesar na súa actividade ao lle pechar a billa das subvencións, din agora que non pode recibir diñeiro porque "está inactivo" e porque "a Xunta ten que ocuparse dos que peor o están a pasar"


Había unha vez unha acción pedagóxica para nais, pais e crianzas, saída do maxín dun home, Antonio Gandoy, o cura da bicicleta. En 1977, despois dunha ditadura que castrou o ensino en galego e colocou a educación como un privilexio para gozar lonxe do rural, Gandoy pensou que era hora de lle devolver ao pobo un dereito fundamental, e quixo facelo apostando pola realidade en que medrara, a das aldeas, lugares deixados da man de Deus onde nenas e nenos de menos de catro anos non tiñan a posibilidade de recibiren aulas. O autobús escolar non @s recollía. Cando con seis anos chegaban ao colexio da vila, eran o alumnado menos avantaxado.

Facendo xuntanzas na escola do pobo --ou na casa d@ veciñ@ se na aldea non había escola-- naceu Preescolar na Casa. Nen@s de 3 a 6 anos "que aínda viñan co cueiro" aprendían a ler e a escribir. As leccións para o coñecemento do medio non viñan nos libros, respirábanse co ar que entraba pola fiestra. E ao chegaren á vila, sabían tanto como @s demais. "Eu teño atendido pequenos de catro anos e mesmo de cinco!", que até ese momento non recibían atención por non se poderen desprazar a un centro de ensino. Inés Novo é mestra no rural e traballou para PnC desde 1990, cando se engadiu ao programa pedagóxico de 0 a 3 anos. "Chegara, ao fin, a igualdade de oportunidades cunha educación non para os nenos, senón para as familias". Mais a Xunta espertoun@s do seu soño.

Un modelo que sobrevivira a Fraga

"A situación ten mudado. As granxas antes eran granxas e agora son empresas", espetou a conselleira de Benestar, Beatriz Mato, no mesmo pleno do Parlamento en que xustificou a retirada de subvencións e, en consecuencia, a eliminación de PnC. Perante esta situación, @s 3 mestres e 29 mestras foron de vacacións o 30 de xuño, e o programa, que atendía unha media de 4.000 familias e que sobreviviu a todas as maioría da dereita na Galiza, botou o feche "por razóns puramente ideolóxicas", postura que ratificou desde CIG-Ensino o seu secretario nacional, Anxo Louzao, queixándose de que a Xunta "non está disposta a rectificar" na súa teima de suprimir este modelo pedagóxico.

"Eu gosto de destacar sempre quen é o culpábel único da liquidación. E a culpábel é a Xunta". Taxativo, Xosé Ferreiro, integrante do Comité de Empresa de PnC --onde teñen representación os sindicatos CIG, CCOO e STEG-- reprocha do goberno galego os miles de euros entregados a entidades afíns ao PP, como a Fundación Cela, e aqueloutras que promoven un ensino privado, en español e ultracatólico, como Rebaño de María ou Esclavas de Cristo.

Arma arreboladiza na campaña electoral de 2009, hoxe é un modelo que ''xa non funciona''

Cun millón de euros ao ano Preescolar funcionaría con total normalidade. Porén, o PP de Feijóo prefiriu prescindir deste programa e destinar o triplo, tres millóns ao ano, a cinco centros relixiosos que separan o alumnado por sexos, porque "a Xunta ten que se centrar nos que peor o están a pasar", segundo dixo esta terza a deputada do PP Marisol Piñeiro após escoitar a defensa que Inés Novo fixo da ILP presentada para manter o programa educativo. A mesma Xunta que en 2009 fixo campaña acusando o bipartito de ter "afogado" Preescolar na Casa, sostén agora que en once anos houbo tempo para buscar outras vías de financiamento alternativas ao diñeiro público.

O programa contara en 2009 con 500 mil euros de Benestar, con 400 mil en 2010, e en 2011 con 200 mil que nunca chegou a percibir porque a consellaría decidiu retirar o apoio ao final do ano. Agardando por unha partida de 550 mil euros que chegaban de Madrid en novembro, cartos que permitiron a PnC funcionar desde xaneiro deste ano --pois da Xunta recibía unicamente unha cantidade simbólica do departamento de Normalización Lingüística-- @s traballador@s da fundación propuxeron un Ere de suspensión que foi rexeitado polo administrador do concurso.

Educación para as familias

"Foron implacábeis e non nos deixaron saída posíbel". Alén disto, souberon tamén que a empresa non podería solicitar subvención ningunha no tempo que dure o concurso de acredores. A consecuencia da decisión da Xunta é clara: 32 persoas desempregadas e a destrución dun modelo pedagóxico na lingua do país e onde a familia era, verdadeiramente, o primeiro axente educador.

Con todo, a Xunta di tamén que, aínda que quixese, non podería darlle cartos á fundación porque "xa non funciona", unha inactividade á cal se viu obrigada xustamente polo cesamento das achegas. Marisol Piñeiro equiparou unha entidade sen ánimo de lucro co negocio privado ao criticar que "agora amosan interese por manter o concurso cunha empresa privada que complementa funcións educativas".

''A nosa lingua e habitar o rural tamén fan pensamento''

Obviou Piñeiro que PnC era "completamente de balde" e que moitas familias das cales atendía non poderían levar as crianzas ao preescolar de non existir este programa, debido á falta de recursos económicos. “Este programa xustifícase por si propio mentres haxa nenos, pois o primeiro axente con que hai que traballar é a familia. Esa señora --a titular de Benestar, Beatriz Mato-- atreveuse a dicir coa boca chea que o rural de hoxe non é o de hai 35 anos. Falou a ignorancia".

Preescolar na Casa foi un programa pioneiro na Galiza, imitado fóra, no Estado español ou no Reino Unido, e recomendado pola Unión Europea. Iso foi, cun tempo verbal en pasado. A Xunta desbotouno e bloqueou no Parlamento o debate ao redor da ILP asinada por 26.000 persoas a prol da súa continuidade. Presa da raiba, Inés Novo di que non entenderá nunca “este ataque perpetrado pola Xunta para despoxarnos do noso ser como galegos, porque a lingua e habitar o rural tamén fan pensamento e permiten outro xeito de enfocarmos a vida".