Negáronlle a hospitalización a unha doente da COVID-19: denúnciao a familia dunha residente que faleceu

Matogrande (Domus Vi)
Así se recolle na denuncia presentada pola familia

Os centros de maiores téñense convertido na zona cero do coronavirus na Galiza. Segundo os datos achegados pola Xunta, durante a pandemia morreron 619 persoas no país, 274 dos cales faleceron nas residencias, o que representa máis de 44% do total, concentrándose o groso da mortalidade naqueles xeriátricos de xestión privada.

Neste sentido, un estudo elaborado polo  Movemento galego en defensa das pensións Públicas (Modepen), con base na información da propia Administración constata como a letalidade foi 24 veces superior nos centros de maiores de xestión privada. DomusVi, o principal operador privado de asistencia a maiores do Estado, destaca polo seu número de vítimas na Galiza. A residencia coruñesa de Matogrande fai parte do grupo DomusVi. O xeriátrico conta con 135 prazas de persoas internas e 30 de centro de día, pasa por ser un dos máis caros da cidade e ofrece, entre outros, servizos de fisioterapia, control nutricional, estimulación psicomotriz, enfermaría e atención médica. Porén, a pandemia deixou ao descuberto as carencias do xeriátrico, tras producirse 8 mortes no mesmo e outras tantas, segundo a Federación galega de usuarios e familias de residencias e dependencia (Rede), nos hospitais a onde foron derivados usuarios e usuarias contaxiados polo coronavirus. As queixas das familias sobre o trato recibido polos residentes durante a pandemia son constantes.

DomusVi Matogrande

A morte dunha usuaria nesta residencia na segunda feira 6 de abril chega agora ao xulgado. Segundo puido constatar Nós Diario, o 31 de marzo as familiares da falecida recibiron unha chamada do fisioterapeuta do xeriátrico, que lles indicou que había positivos na planta na que se atopa, comunicándolle máis tarde que persoal do Centro Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) acudiu ao centro e que este lle fixo á súa parente unha proba de coronavirus ao atoparse moi delicada de saúde.

O día seguinte, o médico da residencia comunicou á familia o positivo da usuaria, indícandolle que se o seu estado empeorase lle subministrarían antibiótico, e no caso de insuficiencia respiratoria, administrararíanlle morfina. A resposta do facultativo alerta a familia que lle solicita o traslado da parente ao CHUAC para a súa hospitalización. Porén, segundo se recolle na querela presentada, o médico da residencia sinálalles nesa mesma cuarta feira 1 de abril que a súa familiar  “non é candidata á UCI” e que só se derivan ao complexo hospitalario aquelas persoas que el considere que se poden salvar. Neste sentido, o avogado da familia da falecida, Xoán Antón Pérez Lema critica que “esta persoa estea excluída da hospitalización por ter máis de 80 anos e non se lle dá a posibilidade de ingresar en ningún dos hospitais da Coruña”. “É moi grave, desde unha perspectiva ética e política, que a esta altura do século XXI a unha persoa non se lle permita hospitalizarse axeitadamente”, conclúe Pérez Lema. A falla de medios no centro de maiores de DomusVi de Matogrande foi evidente ao longo da pandemia, segundo familiares. Así, na demanda sinálase que “con 75 residentes no centro e 13 positivos confirmados, unicamente estaban atendidos por 4 auxiliares de enfermaría”, sendo o persoal contratado “non cualificado, en prácticas e por suposto sen experiencia previa”.

Pola súa banda, Pérez Lema sospeita "con base nos indicios dos que dispomos, que esa fin de semana previa ao falecemento houbese continuidade presencial permanente de médicos na residencia", significando que a familia da persoa morta comproba desde o seu ingreso no centro en 2018 “unha total falta de atención e vixilancia” e “un adelgazamento alarmante, motivo polo que os seus familiares tomaron a decisión de acudir cada día a alimentala para evitar que seguira a perder peso”. 

[Podes ler a reportaxe íntegra no Nós Diario en papel, á venda a partir da cuarta, 24, nos quiosques ou na nube]