Navegar entre crises

Noemi Santamaría, Fátima Palmeiro, Andrea Santiago, Uxía Estévez, Jesús Silva, María Caíña, Fernando Martínez, Marcos Miguens, Andrea Barbazán e Elena Martín (Nós Diario)
"Ás veces semella que se tes case trinta e tiras da axuda dos pais e non tes claras as cousas, tes que sentirte culpábel", explica Uxía Estévez. Cando os efectos da crise económica de 2008 comezaban a remitir a pandemia da COVID-19 deu pé a unha nova recesión con consecuencias aínda por determinar. Nós Diario conversa con mozos e mozas sobre os seus inicios laborais, marcados pola temporalidade, e sobre as perspectivas dunha xeración que de novo ve na emigración unha saída.

Apalabra crise transformouse, na última década, nun ruído de fondo permanente. Tamén nun apelido xeracional que acompaña a quen deu os primeiros pasos no mundo laboral en 2008, 2009, 2010 e en adiante.

Quen procurou emprego desde aquela fíxoo da man de bolsas de formación e de emprego, de Empresas de Traballo Temporal ou, no caso case 50.000 mozos e mozas galegos nos últimos dez anos, dun billete de avión ou dun cambio no código postal. Este último é o caso de Andrea Santiago, enfermeira de profesión emigrada a Barcelona de 27 anos de idade. "Na Galiza non tiña as mesmas condicións que atopei aquí", resume ela.

Na Galiza non tiña as mesmas condicións que atopei aquí, resume Andrea Santiago

O retrato desta xeración ten o pé de foto da temporalidade e da precariedade. En 2019, 21,1% das mozas e mozos galegos asinaran contratos a tempo parcial fronte a 13,8% do conxunto das restantes idades. O salario medio que recibían reducírase nunha cuarta parte desde 2008, situándose nuns 6.500 euros anuais de media. Coa pandemia da COVID-19, as dificultades laborais de quen trata de independizarse aumentaron.

“Cando rematei os estudos 'vendéronme' que a única maneira de chegar a ter un emprego é traballar moito tempo por poucos cartos e poucas esperanzas de seguir na mesma empresa, o cal en certo modo é real. De todas as maneiras, aprendín a vivir sen medo, sei que algún día me despedirán e que terei que procurarme a vida", explica Candela Fernández, quen aos seus 26 anos traballa no eido do deseño e a publicidade.

Non temos máis ataduras porque non puidemos optar a elas, di Jesús Silva

Desde Ribeira, Jesús Silva reflexiona sobre a súa propia xeración, á que rexeita ligar con outro pé de foto: o da eterna adolescencia. "Eu incorporeime recentemente ao mundo laboral como autónomo. Se me comparo con meus pais penso que temos máis inestabilidade, pero tamén máis opcións. Diría que temos menos ataduras, pero o certo é que non as temos porque non puidemos optar a elas", di. 

Os comezos tras a burbulla

Fernando Martínez ten 25 anos e comezou a traballar "cando a crise apertaba forte". "Non había traballo ningún, menos para un rapaz coma min, sen apenas experiencia nin moitos estudos. A crise aínda se nota agora, pero moito máis daquela", conta. En 2011 empregárono como aprendiz nunha carpintaría e nos pasados nove anos tivo tempo de rematar o Bacharelato e seguir estudando no tempo libre do que conseguiu dispor entre emprego e emprego. Tras un breve período de transportista, encadeou contratos na industria do aluminio, na que as "grandes empresas fan un pouco o que lles dá a gana". Nela os contratos indefinidos, mesmo os temporais, son inalcanzábeis, predominando cada vez máis os de obra. "Agora quedei no paro e a situación é complicada", di.

A crise aínda se nota agora, pero moito máis en 2011, asegura Fernando Martínez

Dentro do mercado laboral, a hostalaría é o principal caladoiro para todas as principiantes independentemente da súa formación. Noemi Santamaría, filóloga de 23 anos de idade, recalou neste sector logo de traballos esporádicos na vendima ou como promotora de vendas. "Parece que é imposíbel non facelo", explica, engadindo que nunca foi quen de atopar  nel un posto "no que saibas a hora de saída ou non fagas horas en negro".

Elena Martín emigrou ao estranxeiro logo de rematar os seus estudos de Comunicación Audiovisual: "Vivín catro anos fóra traballando na hostalaría e impartindo clases de idioma. Despois volvín e traballei en cousas esporádicas, ao tempo que intentaba atopar postos relacionados coa miña formación, mais sempre foron cousas puntuais ou de curta duración".

Sempre atopei cousas puntuais ou de curta duración, explica Elena Martín

Aos seus 25 anos, Fátima Palmeiro atopou na hostalaría a maneira de sufragar os seus estudos para as oposicións á Administración do Estado en Compostela. Tras un Expediente Temporal de Regulamento do Emprego (ERTE) reincorporouse ao seu posto con incertezas sobre o futuro. "Tal vez teña que marchar para casa para estudar a fondo ou pensei en matricularme nun curso de Formación Profesional con saídas laborais", di.

Por conta propia

Andrea Barbazán, dobre graduada en lingua galega e portuguesa, atopou no emprego como monitora de tempo libre unha vía para manterse mentres estudou a súa segunda carreira. Na universidade comezou a impartir aulas particulares, hoxe a súa profesión logo de darse de alta como autónoma. Tras graduarse as clases tornaron nunha vía profesional e decidiu optar pola conta propia.

Ela non é a única que decidiu deixar o traballo asalariado e optar por traballar por conta propia. É o caso de Elena Martín, que xunto co seu compañeiro Pablo Santiago botou a andar a cooperativa audiovisual Xarda. "Ao comprobar que a maior parte dos traballos aos que podíamos optar no audiovisual ou no xornalismo eran moi precarios, e ás veces incluso obrigan a facer cousas que van en contra do que pensamos, decidimos 'emprender'", din.

Vexo o rural con ollos novos, un lugar de posibilidades máis que un sitio do que escapar, reflexiona Uxía Estévez

Uxía Estévez optou pola mesma opción, acompañada no seu caso por unha aposta persoal polo rural. Logo de emigrar a Barcelona para especializarse en fotografía e de traballar na urbe, decidiu transformar unha casa familiar na Arnoia nun estudo-obradoiro. "Vexo o rural con ollos novos, un lugar de posibilidades máis que un sitio do que escapar", reflexiona.

As escasas oportunidades laborais tamén levaron a Jesús Silva a marcar a casiña de autónomos. Actualmente traballa desde Ribeira, logo de diversas experiencias con bolsas formativas na Galiza e no estranxeiro no eido do cinema e o audiovisual.

A situación preocúpanos moito porque non sabemos moi ben que vai acontecer, din Pablo e Elena

A chegada da emerxencia sanitaria complicou a viabilidade dos proxectos de Andrea, Pablo ou Elena. A primeira terá que agardar a abrir a súa propia academia, ao tempo que espera retomar as clases co seu alumnado no mes de setembro. "A situación preocúpanos moito porque non sabemos moi ben que vai acontecer, e claramente este non é o mellor momento para iniciar unha empresa cooperativa", explican Pablo e Elena. 

Perspectivas

Marcos Miguens, filólogo de 24 anos de idade, valora que "o factor da explotación laboral abafante sempre estivo aí en maior ou menor medida". Cando estaba a piques de mergullarse no mercado laboral a chegada da COVID-19 fixo que hoxe pense en volver ao fogar familiar ou emigrar. Logo de enlazar bolsas de formación na universidade e traballos como transcribindo textos, María Caíña mira a Alemaña como opción de futuro.

Agora é cando se ve o negativo de depender tanto do turismo, opina Noemi Santamaría

As posibilidades de Noemi Santamaría de traballar quedaron diluídas polo coronavirus. "Dependía de sectores vinculados ao turismo, agora é cando se ve o negativo de depender tanto diso a nivel económico", explica. Fernando Martínez matina que "chegan momentos de "arrimar o ombreiro".

Para Uxía, o tempo pasado no fogar xunto a familia serviu para reflexionar. "Custoume, mais agora comprendo que a culpa non é nosa. Ás veces semella que se tes case trinta e tiras da axuda dos pais e non tes claras as cousa, tes que sentirte culpábel. Cando o problema é que os contratos son máis precarios, hoxe es bolseiro case ate a xubilación!", expón. Ela amósase optimista respecto ao seu proxecto: "Temos pouco que perder".