Naufraxio do 'Sempre Güeto': Obras non autorizadas no buque condicionaron a súa flotabilidade

O cerqueiro 'Sempre Güeto'. (Foto: Remitida / Europa Press)
A Ciaim conclúe que existen indicios de que a tripulación non tiña formación en situacións de emerxencia.

O sinistro no cerqueiro Sempre Güeto, acontecido en xuño de 2021 nas proximidades de punta Candieira, en Cedeira (Ferrolterra), produciuse despois dunha serie de reformas que "modificaron substancialmente os seus trazos construtivos principais afectando de maneira moi negativa as súas características flotabilidade e estabilidade, até o punto de convertelo nun buque inseguro". No suceso morreron dous dos dez tripulantes. 

Así figura nas conclusións do informe da Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (Ciaim), que engade que "as condicións e estabilidade precarias agraváronse aínda máis pola adición de artes sobre a cuberta de peso moi superior ao autorizado"

O 17 de xuño de 2021, este pesqueiro –sen peixe a bordo e con dúas redes sobre a cuberta– navegaba entre Cariño (Ortegal) e Cedeira, rumbo ao seu porto base en Portosín, en Porto do Son (comarca de Noia), cando unha serie de fortes golpes de mar "provocou unha escora a babor moi acusada, da que a embarcación non puido recuperarse, terminando quilla ao sol en poucos minutos". 

Sen formación en abandono

O Sempre Güeto non chegou a afundir e puido ser remolcado ao porto de Ferrol, onde foi adrizado.

Tras realizarse unha comprobación, determinouse que a "embarcación navegaba con estabilidade precaria, debido a unha serie de obras de reforma realizadas sen supervisión [e sen autorización da Autoridade Marítima] e a levar unhas redes de peso moi superior ao autorizado".

Ademais, a Ciaim critica a falta de inspección por parte de Capitanía Marítima destas obras do buque e sinala que existen indicios de que a tripulación non "estaba familiarizada cos procedementos de abandono e emerxencia"