O naufraxio do 'Sempre Güeto' en Cedeira deixa dous mariñeiros mortos

Una imaxe de arquivo da embarcación accidentada. (Foto: Luis Fernández / Vessel Finder)
O tripulante do pesqueiro que se atopaba en estado crítico faleceu segundo a información facilitada polo 112. As equipas de emerxencia seguían a traballar na zona do accidente malia o mal estado do mar até que un dos buques que colaboraba no operativo deu co corpo do desaparecido.

O temporal que azouta Galiza, tamén en alta mar, volveu traer esta quinta feira malas novas a terra. O pesqueiro Sempre Güeto naufragou cos seus dez tripulantes a bordo. Nove deles foron rescatados, mais un deles que se atopaba en estado crítico acabou falecendo. Os equipos de emerxencia informaron de que outra persoa estaba desaparecida, mais finalmente atopouse o seu corpo sen vida.

Segundo fontes do 112, o buque envorcou sobre as 13.30 horas perto da localidade de Cedeira, na comarca de Ferrol.

En concreto, segundo algunhas páxinas especializadas en información marítima, a embarcación regresaba ao porto base de Portosín após participar na campaña de captura do bocarte polo Cantábrico.

Neste buque dedicado ás artes do cerco viaxaban dez persoas pero canda el navegaban outras embarcacións galegas que facían rutas similares para incorporarse á campaña da sardiña de cara ao San Xoán. Foron precisamente os compañeiros os que rescataron a 9 persoas despois de que un golpe de mar -a hipótese que cobra forza, a pesar de que tamén se especula con que se producira un lume a bordo- levara por diante o Sempre Güeto

O tripulante que se atopaba moi grave e que foi trasladado polo helicóptero de Salvamento Marítimo con base no aeroporto de Alvedro ao hospital da Coruña finou, tal e como comunicou hai escasos momentos o 112.

Os equipos de emerxencia desprazados á contorna de punta Candelaria, perto de Cedeira, seguían a buscar ao desaparecido até as 17 horas, cando un dos buques localizou o cadáver do tripulante que faltaba.

Traballaron no operativo Salvamento -que detectou na zona moito oleaxe e vento-, os Gardacostas, a Garda Civil e mesmo a Policía Local. Tamén colabororan no dispositivo os barcos Pasa Aquí, Maruxía Segundo, Sempre Urbegi e Riobao Uno. A meteoroloxía adversa dificultou os traballos.