Gráficos

A natalidade segue a caer en picado e Galiza anota o peor saldo vexetativo desde que hai rexistros

Varias persoas paseando pola praza de Praterías de Santiago; sobre a foto, un gráfico que amosa a evolución do saldo vexetativo. (Foto: Arxina)
A natalidade continúa o descenso iniciado en 2009 e os nacementos quedan en 14.495 en 2022, por volta de case 35.000 pasamentos.

Galiza rexistrou un total de 6.745 nacementos e 16.634 defuncións no primeiro semestre de 2023, o que deixa un saldo vexetativo negativo de 9.889 persoas, segundo o avance de datos do Instituto Galego de Estatística publicado esta sexta feira. En concreto, os nacementos dos primeiros seis meses do ano anotan un retroceso de 2% en comparanza co mesmo período de 2022. As defuncións redúcense un 5% no mesmo período.

Por outra parte, o IGE publicou tamén os datos definitivos de 2022, nos que se constata un saldo vexetativo negativo de 20.501 persoas, a peor cifra en case medio século, desde que hai rexistros (1975). Hai máis de 30 anos que o país non conta cun saldo positivo de nacementos e defuncións.

 

De feito, a natalidade continúa o descenso iniciado en 2009 e os nacementos quedan en 14.495 en 2022, o que supón 292 menos que un ano antes. Mentres, houbo 34.996 mortes en 2022, o que significa 2.143 máis que en 2021.

O número de nacementos non deixou de descender na Galiza desde o ano 2008, o último no que se incrementaron en comparanza co ano precedente. Esta é unha tendencia común á práctica totalidade das comarcas do país. De feito, ningunha se salvou de fechar o ano 2022 co saldo vexetativo en números vermellos.

No conxunto do territorio galego, 1987 foi o último ano que se saldou con máis nacementos que defuncións (344), e desde entón a taxa foi sempre negativa e non fixo máis que afondar na diferenza entre nacementos e mortes.