A natalidade na Galiza segue en caída libre e descende 10,3% desde a pandemia

Unha nai pasea co seu bebé nun carriño. (Foto: Europa Press)
Cada día naceron de media, no primeiro semestre deste ano, 38 bebés, fronte aos 58 que se rexistraban só unha década atrás.

A Galiza encadea máis de tres décadas —desde 1988— cun saldo vexetativo negativo, isto é, rexistrando máis defuncións que nacementos, unha circunstancia que se dá fundamentalmente polo constante descenso da natalidade. Cada ano nacen no país menos crianzas, situación agravada na última década, pasando de 21.594 partos en 2011 a 14.784 ao remate do pasado exercicio, isto é, unha caída de até 31,5%.

Esta situación, porén, non ten visos de mellorar. A estimación de nacementos de xuño que nesta cuarta feira publicou o Instituto Nacional de Estatística (INE) evidencia un retroceso de 2,04% no total acumulado en 2022 en comparanza co ano precedente , cun total de 6.941 —145 menos que doce meses atrás—. Esta cifra tradúcese en só 38 nacementos cada día en 2022, o que contrasta fortemente cos 58 rexistrados a diario no ano 2012, hai apenas unha década.

No conxunto do Estado español, pola contra, este indicador interanual foi positivo: até o pasado xuño houbo 0,13% máis de nacementos que en 2021 nesta altura do ano. Aliás, tomando como referencia o dato de 2019, antes da irrupción da pandemia da Covid-19, a natalidade caeu na Galiza até 10,3%, fronte a 8,5% no a nivel estatal.

Con base nesta mesma estatística conclúese tamén que no primeiro semestre de 2022 case oito de cada dez nais —79,1%— tiveron a súa crianza superados os 30 anos de idade.

En concreto, en 2.103 nacementos a nai tiña entre 30 e 34 anos e noutros 2.291, entre 35 e 39, por volta doutras 964 que tiñan entre 40 e 44, 127 con entre 45 e 49 anos e oito con máis de 50. Só 1.017 tiñan de 25 a 29 anos, mentres 357 ficaban no treito de 20 a 24 e 74 eran menores de 19 anos.

A Mariña lidera as afiliacións de persoas estranxeiras

Noutra orde de asuntos, o Instituto Galego de Estatística (IGE) difundiu tamén nesta cuarta feira os datos de afiliación á Seguridade Social de persoas estranxeiras, que supoñen 4,5% do total de 1.041.093 traballadoras e traballadores dados de alta.

As comarcas do país cunha maior porcentaxe de afiliacións estranxeiras son A Mariña Central (9,4% do total) e Occidental (7,8%), xunto a Valdeorras (8,4%) e Verín (7,6%). A listaxe proséguena Viana (6,9%), Baixa Limia (6,6%), Terra de Lemos (6,2%), Meira (6,1%), Ourense (6%), A Coruña (5,7%), Lugo (5,5%), A Mariña Oriental (5,5%), O Carballiño (ídem), Vigo (4,9%— e Sarria (4,6%).