Sermos236

Nas vésperas do 8M, o Sermos debrúzase sobre o reino do patriarcado na economía

Sermos estará nos pontos de venda habituais esta quinta feira.

A economía é machista. As mulleres reciben polo mesmo traballo salarios 22 por cento máis baixos do que os dos homes. Este é o Tema de Primeira no Sermos236, xa na nosa loxa e esta quinta feira nos pontos de venda habituais. O semanario vén completiño: entrevista coa titular do Xulgado de Violencia sobre a Muller de Vigo, Paz Filgueira, a ofensiva do poder xudicial contra o soberanismo catalán, a batalla das vítimas do Alvia en Bruxelas...

Novo número de Sermos Galiza, desta volta o 236, e moi envorcado en asuntos que tocan directamente o Dïa Internacional da Muller, a se realizar o 8M. Así, o Tema de Primeira analisa como o mundo laboral, a economía en xeral, está ao servizo do Patriarcado, e iso vese desde a fenda salarial até o futuro das pensións, moi desigual entre mulleres e homes, por suposto en detrimento de aquelas. 

En Social abrimos cunha entrevista de María Obelleiro á titular do Xulgado de Violencia sobre a Muller de Vigo, Paz Filgueira, que nos deixa un titular abondo elocuente: "As campañas contra o maltrato son altamente deficitarias". A seguir publicamos unha análise da presidenta de FOANPAS (Federación Olívica de Asociacións de Pais e Nais de Alumnos) sobre as necesidades das familias a respeito da conciliación, da corresponsabilidade e da coeducación. Un terreno en que tamén as mulleres se achan en pior situación do que os homes.

En Política abordamos a intensa ofensiva xudicial contra o soberanismo catalán, instrumentada desde a Moncloa, directamente através da Fiscalía Xeral do Estado (cuxo titular é nomeado polo Goberno, de quen depende hierarquicamente) ou máis sutilmente através dos pións do PP nas máis altas instancias do poder xudicial, o Tribunal Supremo e o Tribunal Constitucional.

Damos tamén ao prelo unha análise de Ana Miranda, portavoz do BNG perante o Parlamento europeu, quen pormenoriza as xestións feitas perante as institucións comunitarias para as responsabilidades da catástrofe do Alvia, que sobardan con moito o erro humano do maquinista, non fiquen impunes.

En Internacional mergullámonos nun dos conceitos de moda nos últimos tempos nas ciencias sociais, a posverdade, cualificada por Xabier P. Igrexas como "a nova pedra basilar do discurso global dominante". Debullamos tamén o CETA, o tratado de libre comercio da UE con Canadá xa ratificado polo Europarlamento mais que precisa aínda ser sancionado polas cámaras estatais e rexionais.

En Economía, radiografiamos -da man do gabinete económico da CIG- a situación do mercado laboral na Galiza, caracterizado por tres trazos básicos: emprego precario, retallamentos salariais e medre da desigualdade.

O FÓRA DE SERIE

Xa sabedes que este semanario ten dúas capas -en realidade non ten nen primeira nen última páxina, podes comezar a o ler por diante ou por detrás- e, en realidade, é un dous por un.

Que nos oferece entón o FdeS? Pois, alén das seccións habituais, apuntade isto: unha entrevista de Rocío Castro ao escritor e fotógrafo Vítor Vaqueiro, unha reportaxe sobre o 100 cabodano de Eduardo Pondal e unha viaxe ás beiras do Río Navia, nas paixases montesías dos Ancares.

Un número como para non perdelo!