DíA DA PATRIA GALEGA

Nao e Ulträqäns, na festa de Briga o 24X

O cartaz complétano Oliba Gorriak e Malas Herbas nuns concertos que terán lugar no aparcadoiro da Facultade de Química.

 

A organización xuvenil, Briga, desenvolverá máis un ano a Xornada de Rebelión Xuvenil que desde hai 11 anos ten lugar con motivo do Día da Patria Galega. Nesta ocasión, o cartaz do festival compóñeno as bandas galegas Nao, Ulträqäns e Malas Herbas xunto coa basca Oliba Gorriak. 

Será o 24 de xullo no aparcadoiro da Facultade de enxeñaría química. Unha localización que tiveron que mudar após o desencontro con Compromiso por Galicia. A formación galeguista rexeitou partillar o Parque de Belvís con Briga, embora este espazo non ser utilizado por organización galeguista na noite do 24. Unha actitude que desde a organización independentista tildaron de "cínica insolidariedade". 

"Briga tentou favorecer un acordo ofrecendo ocupar só unha parte do parque e mesmo asinando un contrato no que asumiríamos responsabilidades perante calquer problema que puidesen sofrer durante os concertos as instalacións para os atos de CxG do día seguinte", explican nun comunicado de imprensa. Porén, Compromiso non aceptou. 

Así as cousas, Briga desenvolverá finalmente a actividade no Campus Sur da USC a partir das 23h.