A escola pasa de dúas a unha clase de infantil malia as recomendacións de separar o alumnado

Nais e pais de Marín advirten de que varias alumnas quedan sen praza na escola infantil O Grupo

Imaxe da escola infantil O Grupo de Marín (Foto: Nós Diario)
Critican que Educación elimine unha das aulas para as nenas e nenos de infantil na escola O Grupo, a única que conta con servizo de comedor e recollida dos nenos e nenas previa o inicio das clases. O colectivo advirte de que quedan catro alumnas e alumnos fóra e insiste en defender "o ensino público"

Un grupo de nais e pais do alumnado da Escola de Educación Infantil O Grupo de Marín critica a decisión a xefatura territorial da Consellería de Educación de eliminar prazas públicas para o próximo curso nese centro. O colectivo denuncia que, malia que hai postos libres noutras instalacións, este colexio é o único que está no centro da vila que dispón de servizo de comedor e de atención antes das clases para os proxenitores que precisen deixar as nenas e nenos antes.

A socia da ANPA e portavoz deste grupo, Marta Landín, expón que este é o “primeiro ano no que se pasa de 50 a 25 prazas e quedan catro nenos fóra”. Malia elevar as súas protestas a Educación e o Concello de Marín, aínda “non hai resposta”. Landín recoñece que hai prazas baleiras noutros centros públicos pero que non dispoñen de servizos para que sea posíbel conciliar a vida laboral e familiar.

A única opción que terían as nais que non conseguiron oco no Grupo para contar con comedor é facer a matrícula das súas fillas nos colexios concertados da zona. “Pero iso perxudicaría quer a economía familiar, porque hai que mercar extras como os uniformes, quer a conciliación” real, di Landín.

O colectivo de nais non fala doutra cuestión pero según puido saber Nós Diario por outras persoas do concello, o director dun dos colexios concertados é un concelleiro do PP, que é partido que goberna na vila.

Respectar as recomendacións

Alleas a esa cuestión, as nais pensan na economía, na conciliación e na seguridade do alumnado e refírense as normas establecidas polo Goberno de Estado por mor da Covid-19. Entre elas, hai unha recomendación para que haxa 15 nenas e nenos por aula. Por este último motivo, a demanda de un maior número de prazas na escola O Grupo está apoiada por moitas máis familias que as catro prexudicadas.

Landín, por exemplo, si obtivo un lugar no colexio pero prefire “que haxa un desdobramento en dúas aulas polo tema da Covid-19; non poden pechar unha das aulas precisamente este ano, coa que está caendo, e cando entran na escola os nenos que naceron en 2017, cando houbo unha suba da natalidade”. Se se tiveran en conta as 29 solicitudes poderían ter nunha clase a 15 estudantes e a 14 noutra.

Defensa da "educación pública"

“Queremos facer viíbel a situación”, remarca a voceira, que di que hai casos especialmente graves de nenos que viven ao lado da escola e non poderán ir a ela. Ao parecer, parouse o prazo de matrícula pola pandemia. Cando volveu abrir só deixaron correr os días que restaban e non ampliaron os tempos, como si estiveron a facer noutros lugares, polo que houbo quen chegou fóra de prazo. De todos os xeitos, non había cadeiras para todos en infantil ao recortar a metade dos postos.

“Nós defendemos a educación pública, que é un dereito fundamental, e vai marcar o futuro da sociedade”, resume Landín, que advirte de que seguirán pelexando para que as alumnas e alumnos asuman a nova normalidade coas medidas de seguridade necesarias no Grupo.

A protesta vai máis aló porque no colexio de primaria Sequelo tamén quedaron sen oco algunhas estudantes e é o centro que teñen adscrito os do Grupo para seguir coa súa educación. O futuro vese complicado se non se atenden as demandas das nais e pais.