Para as nais e pais galegos o curso escolar "rematou o 12 de marzo"

Aula de infantil baleira (Foto: E.P.)
Avogan por dar o curso por liquidado e estudar "unha solución administrativa" específica para cada etapa educativa.

"Unha educación a dúas velocidades, con todas as letras". Así resume o presidente da Confederación  Galega de Anpas de Centros Públicos (Confapa), Rogelio Carballo, a docencia no actual contexto de crise sanitaria, un panorama ante o cal nais e pais asumen que o curso "finalizou o día 12 de marzo".

As aulas galegas pecharon definitivamente o 16 do mes pasado, e desde entón os estudantes de todos os niveis reciben a educación desde casa. De acordo con datos da Consellería de Educación,  Universidade e Formación Profesional a 4 de abril -último día lectivo antes de Semana Santa-, recursos como a aplicación 'abalarMóbil' ou as aulas virtuais triplican o número de visitas diarias con respecto ás circunstancias normais.

Con todo, unha enquisa de Confapa cuns 6.200 participantes advertía de que case un terzo das familias galegas con fillos escolarizados carece de acceso a redes apropiadas para poder continuar o curso de forma telemática. "Pero seguramente esta porcentaxe sexa moito maior, porque a enquisa era dixital. Se non tes Internet, non podes facela", matiza o presidente de  Confapa, Rogelio Carballo.

Ademais, "sete de cada dez" nenos e nenas de Primaria "non teñen computador propio", polo que teñen que compartilo cos pais co  hándicap de que algúns empregarán os equipos para  teletraballar.

Outro dos asuntos que "máis preocupa" é "a desigualdade de oportunidades" dos alumnos que non poden acceder a estes recursos e "quedan atrás". "E o Consello Escolar do Estado expón exactamente iso: aos que poidan dar clase, imos dar contidos e a avaliar e, aos que non, non se lles pode prexudicar e non se lles dá novos temas", lamenta.

Así mesmo, Carballo constata a "disparidade de medios" empregados polo profesorado para enviar material e contido. Con todo, maioritariamente optan polo correo electrónico, aínda que os menores de 14 anos "non teñen capacidade legal" para ter a súa propia conta; ou polo taboleiro dixital do centro. "Os que empregan ferramentas  bidireccionais -videochamadas ou blogues- son unha minoría", engade.

Pola súa banda, o presidente da Confederación ANPAS  Galegas, Fernando  Lacaci, acouta o termo "teledocencia" unicamente para aquelas alumnas e profesoras que superan "barreiras" tales como a conectividade, o acceso a medios tecnolóxicos ou calquera outra dificultade. "E nin sequera o primeiro paso, a conectividade, está conseguida", asevera.

Por iso, ocorre que "quen está dando a clase non sabe como dala, e quen a está recibindo non sabe como recibila ou non pode". "O que temos agora moi maioritariamente parécese máis aos cinco últimos minutos de clase, nos que se mandan deberes, e aos cinco primeiros, nos que se repasa o do día anterior", di, polo que cre que "iso non é aprender", senón "un reforzo ou un recordo".

Fernando  Lacaci, pola súa banda, sostén que continuar é “deixar fóra" a entre 10% e 30% -estima- das crianzas. Por iso, “finxir que isto se soluciona con  teledocencia é un exercicio enorme de desigualdade e de discriminación", polo que avoga por dar o curso por liquidado e estudar "unha solución administrativa" específica para cada etapa educativa.