Naira Ferreiros é creadora de “Hexageradas”

Naira Ferreiros: “Exercer presión social é a única forma que temos de que apoien o feminismo e o galego”

Naira Ferreiros defende co seu proxecto o feminismo interseccional. (Foto: Nós Diario)
Naira Ferreiros é unha estudante que deseñou e creou o seu proxecto “Hexageradas”, unha pequena tenda de produtos téxtiles, entre outros, que aposta polo consumo ético e sostíbel. Naira é ademais unha firme defensora do feminismo interseccional, e as pezas que ela mesma confecciona son unha mostra clara dos seus valores, entre o feminismo e o nacionalismo galego. Ademais de na súa conta de Instagram, tamén se pode atopar en ETSY, un mercado dixital creado para as tendas de produtos artesáns.

-Que obxectivo persegue con “Hexageradas”?

“Hexageradas” naceu como unha tenda de pequeno formato en Instagram na que vendo todo tipo de produtos téxtiles, como sacas e camisolas, ademais de pequenos obxectos, como macetas, pequenas caixas… Un pouco de todo. Xurdiu como un proxecto que, por unha banda, puidese axudar á miña economía persoal, xa que non pasaba por un bo momento nese sentido; e pola outra, que representase os meus valores, especialmente todo o relacionado co feminismo interseccional. A partir de aí, fun incluíndo outras moitas loitas. Son pezas feitas para levalas postas ou que te acompañen, ao mesmo tempo que mostran aos demais a túa ideoloxía e todo o que defendes.

-Como é o proceso de elaboración de cadapeza que confecciona?

O tempo de elaboración varía moitísimo segundo a peza que teña que facer. Pode ir desde unha hora, aproximadamente, até ás catorce horas. Penso que catorce ou quince horas foi o máximo tempo que estiven traballando para confeccionar unha única peza. Merco o produto no país ou no Estado español, para intentar que teña un carácter o máis ético posíbel. Para o téxtil emprego sobre todo algodón orgánico e teas naturais certificadas. Despois, case todo o proceso de elaboración é cento por cento a man, desde o comezo até a fase de dar pintura, que esa si que é completamente manual. Emprego pinturas de tea e ultimamente comecei a introducir tinturas naturais feitas a base de flores.

-A que se refire cando di que as súas pezas mostran a súa defensa do feminismo interseccional?

É un proceso que o engloba todo. Desde a confección de bandeiras do colectivo LGTBI+ até a bandeira nacionalista da Galiza. Tamén adoito introducir mensaxes e citas de personalidades como Rosalía de Castro ou doutras feministas galegas ilustres. Intento darlles cabida en maior ou menor medida a todas as loitas coas que me sinto identificada.

-Que acollida tivo até o de agora o seu proxecto?

Penso que desde o comezo tiven a sorte de ter moi boa acollida. Sobre todo entre a contorna de artistas e creadoras de contido galegas que tamén tratan sobre temas de feminismo. Recoñezo que si que é certo que Instagram, como rede social, e en especial polo seu algoritmo, fixo que baixara un pouco a actividade con respecto ao momento inicial. Penso que o que reivindicamos este tipo de contas non lle gusta a Instagram. Non facilita que á xente lle apareza o noso contido nas súas timelines, ou mesmo fainas desaparecer, no sentido de que só se poden atopar se vas directamente ao perfil da conta en cuestión para mirar cales foron as súas últimas publicacións. O mesmo pasa por empregar a lingua galega. Instagram aínda non o ten como idioma recoñecido, e iso fai que haxa problemas á hora de crear contido en galego.

-E como se muda esa situación?  

As plataformas non facilitan nada que se promulguen certas reivindicacións. Como se muda iso? Unicamente con presión social. Reivindicándonos, esixindo nas institucións e ante as empresas… Por exemplo, institucións como A Mesa pola Normalización xa conseguiu, xunto con outras asociacións, que Twitter dera a opción de galego. Temos que reivindicarnos nas rúas e nas redes para chegar a mudar esta situación.