Unha nai intenta impedir a eutanasia pedida pola súa filla con esclerose múltiple en Compostela

Sede da Consellaría de Sanidade. (Foto: Nós Diario)
Sinalan que non se cumpren os requisitos para realizar a eutanasia e cuestionan que a muller teña "dores insoportables"

Unha nai de Santiago de Compostela recorreu a un xulgado para impedir a eutanasia da súa filla, de 54 anos, diagnosticada con esclerose múltiple. A práctica estaba prevista para a tarde desta quinta feira, mais cando os facultativos acudiron á vivenda para levar á muller ao hospital, a nai non lles abriu a porta.

A organización sinalou que a nai “é contraria a que lle apliquen a eutanasia” e que conta cun poder notarial, polo que representa a súa filla aínda que non solicitou a incapacidade desta. Por esta razón, ao comunicarlle representantes do Sergas o día anterior que lle ían practicar a eutanasia intentou impedilo.

Desde a Consellaría de Sanidade explicaron que todas as solicitudes “se estudan de maneira concreta, individualizada e de maneira moi exhaustiva” e que cada paciente ten un médico responsábel.

Neste caso recalcaron que foi un procedemento “iniciado, solicitado e desexado pola filla”. “É unha paciente capaz e está avalada a prestación pola comisión, reiterou o seu desexo de continuar co procedemento ao seu médico responsábel”, remarcaron desde a Xunta da Galiza.

Sanidade aclarou tamén que agora se vai aplicar o protocolo e sinalou “a obrigación da Administración Pública é informar e ir pola vía xudicial”, xa que de haber “algunha obstrución para seguir co procedemento desexado”, como ocorre neste caso, comunícase ao xulgado “para que prosiga a actuación”.