Tres semanas sen obter resposta da residencia

A filla dunha residente de DomusVi: "Miña nai ten úlceras de estar tantas horas seguidas na cadeira e con dous cueiros"

Fachada de DomusVi O Barreiro, en Vigo (Imaxe: Nós Diario).
Máis un testemuño, ao que tivo acceso Nós Diario, evidencia a falta de persoal denunciada en repetidas ocasións por colectivos de familiares de usuarias e usuarios de residencias de maiores de titularidade privada. E máis unha vez, o foco apunta a DomusVi.

DomusVi O Barreiro, unha das residencias de maiores epicentro da Covid-19 durante o primeiro pico da pandemia, volve ser noticia. Despois da entrevista publicada por Nós Diario cunha usuaria, que denunciaba que pasaban fame e desatención coas caídas, é a filla dunha residente quen narra un novo episodio de mala praxe neste xeriátrico.

“Onte, por enésima vez, voltei a visitar as urxencias do Álvaro Cunqueiro, xa que a miña nai voltou a sufrir un traumatismo craneoencefálico despois de caer da cama sobre as 11 horas da noite”, afirma esta muller, que informa de que “afortunadamente, despois do TAC pertinente, todo ficou nun susto e ela atópase ben”.

Aproveitando a estancia nas urxencias do hospital vigués, a muller pediu que examinasen a zona perianal da nai, dado que levaba “tres semanas dicíndome que lle doía o cu”. “Levo tres semanas sen obter respostas de DomusVi” a respecto de a que é debida esa dor”, engade.

“En canto a médica de urxencias ispe a miña nai, atopa úlceras na zona perianal. Esas úlceras son debidas ás longas horas sentada na cadeira e á nula ou pouca falta de movemento ou cambios de posición”, sinala a familiar da residente, que nese momento tiña dous cueiros postos. “Infórmanme que iso o fan para non ter que mudar o cueiro con tanta frecuencia así que mentres o primeiro cueiro non estea ben empapado e traspase ao segundo, non fan cambio e, por tanto, iso é un gran foco para úlceras e infección de ouriños”, revela.

A muller solicitou á medica das urxencias que plasmase o descrito nun informe, co fin de que ficase constancia.

Paulino Campos advirte das 47 mortes en DomusVi O Barreiro coa Covid-19

Paulino Campos, portavoz da asociación Asfareba, que agrupa familiares e usuarias das residencias DomusVi na Galiza, denunciou a través das redes sociais que en DomusVi hai “anciáns con traumatismos craneoencefálicos por caídas nocturnas, úlceras por abuso de horas e horas sentados, inmobilizados, empapados en ouriños... humillados, vexados”.

O tamén representante da Federación de Familiares e Usuarias de Residencias e da Dependencia REDE lembra que nesta residencia, que tivera que ser intervida pola Xunta da Galiza durante a primeira vaga da pandemia, faleceron 47 persoas coa Covid-19.