HISTORIA DUNHA DESAFIUZADA

A nai desaloxada que durmiu dúas semanas nunha estación de bus

María, cun fillo menor, perdeu hai oito meses a súa vivenda, despois de falecer o seu marido. Sen axudas das institucións, foi rescatada pola PAH Vigo-Tui cando estaba na rúa.

Poñamos que se chama María. Por medo, por vergoña, polo seu fillo de oito anos, pide non revelar a súa identidade. María é unha das miles de historias que non se explican nas estatísticas, que incluso as cuestionan. Os titulares dos últimos días anuncian unha caída dos despexos en Galiza. Pero María non aparece nos datos, non forma parte dos 1.507 lanzamentos por impago do aluguer que rexistraron os xulgados galegos o pasado ano.

”Todo empezou hai oito meses cando perdín o meu marido nunhas circunstancias tristes, digámolo así. Quedamos nunha situación dramática. Non podíamos pagar o aluguer e tivemos que marchar do piso. Estabamos sen recursos, e así seguimos tras oito meses, nun punto morto”, relata María. Deixou a vivenda, como moitas, en silencio, evitando un desaloxo forzoso.

“Fun aos servizos sociais, empecei a moverme. E se fose por eles seguiría así”. Solicitou unha pensión de viudade e orfandade. Foi denegada. “Alegan que non tiña cotizados 15 anos, pero teño papeis que din que cotizou 18 anos, 4 meses e un día”. Aínda espera que o recurso se solucione.

Críticas aos servizos sociais

A María atopárona integrantes da PAH durmindo na estación de autobuses de Vigo. “Pasei dúas semanas alí, mentres o neno estaba en casa dun familiares”, recorda. “As asistentas sociais pecháronme as portas. Negáronme todas as axudas, todo trabas. A súa única intención era quitarme o meu fillo, non buscar solucións”.

“Ti sabes o que é que un neno te diga: non Loli, non me compres iogures, que valen moitos cartos?”, conta unha activista

Ante a emerxencia, dous activistas ofreceron a súa vivenda para acollelos. “Se non fose por eles, o meu fillo non estaría aquí agora. E se non é por eles, tampouco se estarían axilizando as cousas. Hai un menor sufrindo as consecuencias de perder un pai, sufrindo as consecuencias de ver sufrir unha nai, e que non ten por que vivir nunha sociedade como a que vivimos. É tan inxusto”, explica entre bágoas de dor e impotencia.

“Ti sabes o que é que un neno te diga: non Loli, non me compres iogures, que valen moitos cartos?”, conta con raiba a activista que os aloxa na súa casa.

Hoxe, oito meses despois, e grazas ás xestións da plataforma, María comeza a ver unha fenda aberta. “Pero até que non o vexa, non o creo. Unha xa non sabe que esperar despois de pasar tantas cousas. É lamentábel chegar a un punto onde crean que todo se resolve cunha bolsa de comida”.